Pestanas principais

Unha brigada encargouse de acondicionar os espazos e as instalacións patrimoniais do concello

Venres, 21 de xaneiro de 2011

[21-01-2011] O 31 de xaneiro rematan os traballos que está realizando a brigada de patrimonio. Este grupo de traballo estase encargando de acondicionar e mellorar o contorno de diversas instalacións e espazos patrimoniais do concello. A devandita brigada púxose ao servizo do Concello a través do Plan de Cooperación 2010 "Adaptabilidade e Emprego" da Xunta de Galicia, por un período de seis meses que se iniciou o pasado verán -o 1 agosto- e remata o 31 deste mes de xaneiro. A finalidade desta actuación é eliminar o "feísmo" dos espazos habitados do concello, promover a conservación dos elementos patrimoniais para que se manteñan en bo estado ao longo do tempo e eliminar o risco de accidente para os cidadáns que visitan este tipo de espazos.

O Concello de Ames conta dende finais de agosto cunha brigada de patrimonio composta por un albanel e dous peóns, que foron os encargados de realizar diversas labores de construción, mellora e recuperación de distintos espazos de Ames de carácter patrimonial. Este 31 de xaneiro, a brigada porá fin ás súas labores. Os gastos derivados deste pequeno equipo de mellora do patrimonio do concello correron na súa totalidade a cargo da Consellería de Traballo, xa que este tipo de actuacións forma parte do Plan de Cooperación 2010 "Adaptabilidade e Emprego" desenvolvido pola Xunta de Galicia e ao que o goberno local se acolleu para mellorar a situación do patrimonio do concello.

Deste xeito, o Concello contou cunha subvención de 37.133 euros euros da Consellaría de Traballo dentro das axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades locais. Dende a concellería de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico planificaron as diversas actuacións que se realizaron para mellorar e acondicionar os espazos de carácter patrimonial do noso concello.

Os tres traballadores que contaban cun contrato de xornada completa durante estes 6 meses finalizan as súas labores que foron de diversa índole. Algúns destes traballos foron o acondicionamento do contorno das igrexas e capelas do concello. Outros traballos que se executaron foron a reparación e limpeza dos campos de fútbol municipais e dos seus muros de pechamento exterior. Tamén repuxeron o material que se atopa danado nestes equipamentos. Na actualidade atópanse no contorno da igrexa de Ames construíndo unha beirarrúa en fronte desta igrexa.

Actuacións no patrimonio

As labores deste pequeno equipo en materia patrimonial abarcaron distintas actuacións en moi diversos lugares do concello de Ames. No lugar de Lapido levaron a cabo a limpeza do contorno da capela da Merded, así como do campo e do palco, repoñendo as pedras caídas e acondicionando o contorno da igrexa. Ademais, realizaron as labores de limpeza da finca e dos restos do muíño que, aínda sen restaurar, sitúase na zona próxima ao área de descanso. Tamén con respecto a este tipo de construcións, realizaron a limpeza do interior dos muíños restaurados que, debido ás enchentes do río nas etapas de moita choiva, acababan co piso cheo de lama.

En Coira, en Biduído, os operarios arranxaron e limparon a maleza do lavadoiro e da fonte do lugar. En Covas, as obras realizadas incluíron a canalización de auga que se encharcaba ao redor das paredes da igrexa, eliminando deste xeito a entrada de auga e a incidencia da humidade no templo, así como o empedrado da entrada da sacristía e da porta principal situada na parte oeste do adro. Detrás do lugar da Igrexa, encargáronse do encintado do muíño alí situado, do arranxo e reposición do teito do lavadoiro e do arranxo da fonte situada ao lado do lavadoiro e do seu contorno.

En Pegariños, repararon o lavadoiro -ampliando a súa superficie- subindo as paredes e colocando lavadoiros laterais, ademais de repoñer parte do muro de atrás e limpando o fronte antigo. En Ames encargáronse da reparación dos bordes na zona de aparcamento da igrexa parroquial e levaron a cabo a construción dunha pequena fonte de auga destinada a canalizar as escorrentas que saían do noiro do fondo.

Instalacións deportivas

Ademais este grupo de traballo encargouse de conservar e limpar os campos de fútbol e áreas deportivas do termo municipal. No que se refire ao traballo realizado por esta brigada en espazos deportivos, foron os encargados de realizar os arranxos pertinentes no campo de Ventín -ao que acudiron tres veces-, no campo municipal de Bertamiráns e no campo de Coiras -realizando a limpeza do mesmo durante o verán aproveitando que nesas datas non había partidos-, así como en varias das pistas polideportivas do concello.

Este programa de recuperación e mellora dos espazos patrimoniais é de especial importancia para concellos como os de Ames que contan con multitude de espazos deste tipo que necesitan dun mantemento periódico para manterse nun perfecto estado de conservación. Algúns dos espazos contan con persoal de mantemento específico, pero a maioría destes elementos patrimoniais que se atopan ao aire libre vanse deteriorando co paso do tempo e necesitan un coidado máis pormenorizado.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La brigada de patrimonio de Ames finaliza el próximo 31"
El Correo Gallego: "La brigada de patrimonio de Ames finaliza el próximo 31"
La Voz de Galicia: "Ames pone a punto sus espacios patrimoniales"
La Voz de Galicia: "Ames pone a punto sus espacios patrimoniales"