Pestanas principais

Aberto o prazo de preinscrición nos cursos preparatorios para a obtención do Celgas no Concello de Ames

Sábado, 22 de xaneiro de 2011

[22-01-2011] Esta semana abriuse o prazo de preinscrición dos cursos preparatorios para a obtención dos Celgas -niveis 1, 2, 3 e 4- no concello de Ames e rematará o 24 de febreiro. Os cursos do concello impartiranse nos meses de abril, maio e xuño en horario de 20.00 a 22.30. O prazo de preinscrición ten como finalidade determinar se hai un número suficiente de demandantes que xustifique a realización do curso, xa que segundo establecen os requisitos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que os concellos poidan solicitar os cursos, estes deben ter como mínimo 20 persoas preinscritas en cada un dos niveis Celga. O concello non poderá solicitar os cursos daqueles niveis nos que non se chegue aos 20 alumnos.

Unha vez máis o Servizo de Normalización Lingüística do concello de Ames informa da apertura do prazo de preinscrición nos cursos para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga) nos niveis 1, 2, 3 e 4 . O prazo abriuse o pasado luns 17 de xaneiro e rematará o 24 de febreiro. As persoas interesadas poderán anotarse no teléfono 981 884 991 ou achegándose ao Servizo de Normalización Lingüística do concello sito na praza da Peregrina de Bertamiráns. Deberán facilitarnos os seus datos persoais (nome e apelidos, número do documento de identidade e teléfono de contacto) xunto co nivel do curso no que están interesados -1, 2, 3, ou 4-. Deberán indicar tamén a localidade de preferencia para realizalo: O Milladoiro ou Bertamiráns.

Segundo as condicións postas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, os concellos só poderán optar a algún dos cursos Celga se contan con, polo menos, 20 persoas preinscritas. Se non se chega a ese número de solicitantes, a Xunta denega o dereito do concello a solicitar ditos cursos. Por este motivo, dende o Servizo de Normalización Lingüística do concello de Ames ábrese un proceso de preinscrición co que pretende ter unha cifra aproximada das persoas interesadas nestes cursos para, en función desta cifra, solicitar estas accións formativas e determinar en que localidade se propón a súa realización. Pode darse o caso de que se obteñan os cursos de determinados niveis do Celga e non doutros debido á falta preinscrición ou debido que a Xunta considere que non se deben realizar no noso concello. Con todo, animamos as persoas interesadas en contactar canto antes co Servizo de Normalización Lingüística de Ames. No momento a Xunta resolva a concesión ou denegación dos cursos, o persoal do SNL de Ames poñerase en contacto con todas as persoas preinscritas para confirmarlles se poden realizar ou non o curso en Ames e para indicarlles a localidade máis próxima na que se imparta o curso que eles demandan.

Probas Celga

Estes cursos de galego son gratuítos e a carga lectiva sería dunhas 75 horas. As probas para obter os certificados correspondentes son independentes da formación e realizaranse durante o mes de xuño. As datas destas probas son as seguintes: para os que opten ao nivel 4 do Celga o 18 de xuño; nivel 3 o 25 de xuño; nivel 2 do Celga o 19 de xuño e nivel 1 o 26 de xuño de 2011. A inscrición nestas probas é independente da inscrición nos cursos e remata o 29 de abril de 2011.

Outras opcións para prepararse para os Celgas: Xunta e EOIs

A parte dos cursos que poida ofertar o concello, as persoa interesadas tamén poderán recibir estes cursos solicitándoos directamente á Xunta ou nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOIs).

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia programa directamente cursos para a obtención dos Celgas nas cidades e nalgunhas vilas. No caso da provincia da Coruña, A Coruña, Betanzos, Culleredo, Ferrol e Santiago de Compostela -niveis 1, 2, 3 e 4- son as cidades que nas que en principio a Xunta impartirá estes cursos. En Compostela terán lugar no IES Xelmírez e nos Centros Socioculturais de Conxo e de Vite. O prazo para inscribirse nestes cursos remata o 28 de febreiro.

Pola súa banda, nas Escolas Oficias de Idiomas pódese acceder tanto a cursos preparatorios para a obtención dos celgas como a cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior. O prazo de solicitude para a quenda de cursos de febreiro/marzo é ata o 3 de febreiro de 2011 e, para a quenda de cursos de outubro, é do 1 ao 20 de setembro de 2011.