[12-03-2014] Ames converteuse durante os últimos meses nun gran plató de televisión debido á gravación da serie de televisión O Faro, que levou a imaxe do municipio a diferentes comunidades autónomas. No mes de xaneiro rematou a gravación da primeira temporada desta produción diaria, que se emite desde o mes de outubro na TVG e noutras cadeas autonómicas da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA). Con motivo da finalización da gravación da serie a produtora Atlántida Media fixo balance do que supuxo a gravación da serie O Faro para o concello de Ames. En total esta serie, producida para toda España, deixou no concello de Ames máis de 200.000 euros entre hostalaría, servizos e empresas de todo tipo desde as de aluguer de automóbiles, a papelerías, imprentas, ferraxarías, florarías ou tendas de decoración.
O Concello de Ames asinou o pasado ano un convenio coa produtora Atlántida Media (conformada pola unión de Zenit Televisión, Pórtico Audiovisuais, Cinemar e Agallas) grazas ao cal as rúa do Milladoiro e de Bertamiráns, así como diferentes lugares do rural amiense se converteron nos principais escenarios da serie “O Faro”, que se emite todos os días na Televisión de Galicia. Cómpre destacar que a primeira tempada da serie máis vista da TVG rodouse, case na súa totalidade, en interiores e exteriores do concello de Ames.
A serie “O Faro” que xa é líder nas sobremesas da TVG e nas mañás de Aragón e que se consolidou na súa emisión en Baleares e Canarias, tivo o seu centro de operacións no concello de Ames. Case todos os 31 decorados que se utilizaron na gravación desta serie nos seus máis de 120 capítulos están situados no concello de Ames, entre eles o seu gran estudio no que traballaron durante máis de 7 meses máis de 200 profesionais entre técnicos e actores.
Unha vez finalizada a rodaxe da primeira temporada desta produción televisiva toca facer balance do que supuxo a gravación desta serie para o concello de Ames. “O Faro” que xa supera sempre o 10% de audiencia en TVG, alcanzando un 15,6% en ocasións, revolucionou positivamente durante máis de 7 meses ao concello de Ames. A produción audiovisual non só xerou gran gasto en diversos establecementos de hostalaría amienses, se non que moitos deles foron estudios de televisión durante un día, e mesmo case 100 amienses foron figurantes na serie. Ademais parte do equipo estableceu no Milladoiro o seu lugar de residencia durante o período de rodaxe.
Un gran beneficio económico para Ames
En total esta serie, producida para toda España, deixou no concello máis de 200.000 euros entre hostalaría, servizos e empresas de todo tipo desde as compañías de aluguer de automóbiles, a papelerías, imprentas, ferraxarías, florarías ou tendas de decoración. No sector da hostalería realizouse un gasto aproximado de 120.000 euros en comercios e cafeterías do Milladoiro e de Bertamiráns como Sano Sanote, Cervecería Curmáns, Bar Plaza, Cafetería Coffe, Cafetería Joy e na Cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns.
A estancia do equipo, que participou na gravación desta serie, supuxo un gasto aproximado de 30.000 euros no alugueiro de vivendas no Milladoiro e no Hotel Milladoiro. O consumo en material de oficina, administración e produción supuxo uns 25.000 euros, mentres que os gastos de atrezzo foron de 40.000 euros aproximadamente. Algúns destes gastos realizaron en comercios e empresas como Maderas Compostela, Escenoset, Bricoking, Ferretería Villaverde, Floristería Rosi Redondo, Muebles Compostela, Improset e Mouse papelería, entre outros. Por último, cómpre destacar que na rodaxe de “O Faro” participaron arredor de 100 figurantes amienses e nos seus soldos gastáronse aproximadamente uns 6.000 euros.
A rodaxe da serie 'O Faro' non é a única relación que ten o municipio de Ames co mundo audiovisual, senón que se trata dun concello que conta cun grande potencial e un importante peso nesta área. De feito, só no parque empresarial do Milladoiro contabilízanse dez empresas do sector audiovisual ou que están directamente vinculadas a el.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "A gravación da serie O Faro deixou en Ames máis de 200.000 euros de beneficios"