Pestanas principais

O Goberno de Ames inaugura o curso escolar no CEIP A Maia de Bertamiráns

Mércores, 10 de setembro de 2014

[10-09-2014] 2244 alumnos de infantil e primaria comezan o curso con normalidade en Ames. O CEIP A Maia de Bertamiráns, que con 646 alumnos e alumnas é o de maior matrícula de todo o Concello, foi elixido este ano polo Goberno Municipal para inaugurar o curso escolar 2014-2015 en Ames. Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Educación, Bernardo Moar e da directora do Centro, Rosalía Avilés, deu a benvida aos alumnos e alumnas e dirixiuse ás familias e ao profesorado, convindándoos a que co seu traballo no eido educativo sigan contribuíndo á mellora da sociedade amiense, ao tempo que se comprometeu a seguir colaborando cos centros educativos do Concello. Co obxectivo de preparar o curso, O Goberno Municipal investiu desde o mes de maio ao redor de 125.000 euros nos centros educativos de amienses, cartos que se incrementarán con novos investimentos ao longo do curso. A Policía Local contribuíu ao inicio do curso, poñendo en marcha un dispositivo especial para garantir a seguridade dos menores e das familias que acompañaron aos nenos e as nenas aos colexios neste primeiro día de clase.

Logo de saudar ao alumnado, ao profesorado e ás familias, o alcalde de Ames, en compañía do concelleiro de Educación, e tendo como guía á directora do CEIP A Maia, fixo un percorrido polo centro que este curso é un dos elixidos para poñer en marcha o programa do libro electrónico. O alcalde interesouse por este proxecto a través do que os rapaces e as rapazas de 5º de Primaria estudarán sen libros e afondarán no seu coñecemento valéndose exclusivamente de contidos dixitais. Ademais no transcurso da visita, Santiago Amor tivo a oportunidade de coñecer un dos obxectivos principais do colexio A Maia para este ano e que se resume no lema “Entorno coñecido, entorno máis querido”. A directora de A Maia explicoulle ao alumnado que a visita do alcalde cadraba á perfección con esa intención de coñecer o máis próximo e o alcalde suxeriulles algúns dos lugares da contorna que poderían visitar como o Pazo da Peregrina, o Pazo de Leboráns, o Castro de Ortoño ou a Casa onde pasou algún tempo Rosalía de Castro.

Santiago Amor tivo tamén a oportunidade de comprobar como os alumnos e alumnas de 2º curso de Infantil se dirixían á clase de 1º para tranquilizar aos máis pequenos que por primeira vez acudían ao colexio, coñecer a Aula de Reflexión, creada o curso pasado co obxectivo de arranxar conflitos e analizar a conduta dos alumnos e alumnas que os causan baixo a titoría de mestres especializados e visitar a “cova dos homes primitivos”, un aula creada nun recuncho do colexio polo alumnado e as profesoras de infantil para estudar a prehistoria e que hoxe se sigue utilizando para contar contos.

Para o alcalde esta visita supón un paso máis no “compromiso de estar moi pegados á realidade e as necesidades dos Centros para contribuír á mellora da educación no noso Concello”. Santiago Amor manifestou ademais o desexo de “que este sexa un curso sen problemas e que os nenos e as nenas aproveiten a extraordinaria función que realizan os profesores e as profesoras a prol de que a sociedade de Ames sexa cada día un pouco mellor e que destas aulas sigan saíndo rapaces que despois, vémolo todos os anos no Instituto, destacan e gañan premios que levan o nome de Ames por todo o mundo”.

O Concello fixo obras nos Centros Escolares por valor de preto de 125.000 euros
2244 nenos e nenas están matriculados en Ames para este curso 2014 – 2015. O CEIP A Maia é o de maior matrícula do Concello con 642 alumnos e alumnas. Síguelle moi de cerca o CEP de Ventín que ten máis de 500 alumnos. O CEIP Agro do Muiño conta cunha matrícula de 458. No CEIP de Barouta estudan 234 nenos e nenas e na Escola Infantil do Milladoiro séntanse nas aulas 314 nenos e nenas. En todos estes centros, ademais de nas Escolas Infantís da Tarroeira e Covas e nas Escolas Infantís de A Madalena e O Bosque, o Concello fixo inversións co obxectivo de deixar listas as instalacións para o curso.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los colegios de Ames recibieron a 2.244 alumnos, que tuvieron comedor"