[12-01-2015] A concelleira de Benestar Social, Eugenia Martín, reuniuse hoxe no local social de Augapesada con algunhas familias de Castiñeiro do Lobo. Acompañada de dúas traballadoras municipais, a edil explicou aos veciños e veciñas un proxecto de inclusión social deseñado polo Concello que inclúe diversas actividades dirixidas aos menores desta aldea situada na parroquia de Ames. O programa botará a andar na última semana deste mes e estenderase ata finais de xuño.
A iniciativa nace para facilitarlle ferramentas a estas familias que viven en difíciles condicións e ofrecerlles unha alternativa de ocio -ao mesmo tempo que educativa- aos máis pequenos do fogar. De luns a venres pola tarde poderán asistir de maneira gratuíta a clases de apoio, manualidades ou fútbol.
Para Eugenia Martín, este proxecto “será de grande axuda para a integración dos rapaces na escola e noutros ámbitos e ademais potenciará a súa formación física e intelectual”. As familias, pola súa parte, expresaron o seu agradecemento ao Concello pola atención aos seus fillos: “A idea parécenos moi ben porque así os nenos poden aprender, divertirse e non estar sempre encerrados na casa. A nós, ademais, evítanos ter que desprazarnos a Bertamiráns”, indicaron.
Esta acción finánciase con fondos municipais e cunha achega de 5.000 euros da Obra Social “la Caixa”. O Concello de Ames precisará dun monitor deportivo, un animador sociocultural, un profesor e persoal de apoio para desenvolver as distintas actividades. Dende o consistorio agardan que este proxecto teña continuidade.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El gobierno amiense impulsa el plan de integración en Castiñeiro do Lobo"
El Correo Gallego: "Los menores de Castiñeiro do Lobo tienen un proyecto de inclusión social"