Pestanas principais

Bertamiráns celebra esta fin de semana as festas da Peregrina

Venres, 07 de agosto de 2015

[07-08-2015] A comisión de festas da Peregrina, en colaboración co Concello de Ames, organizan tres días de festa na honra da virxe da Peregrina. Deste xeito, as festas patronais de Bertamiráns celebraranse o venres 7, o sábado 8 e o domingo 9 de agosto. Durante estes días haberá música, actos litúrxicos, pasarrúas, competicións deportivas, actividade para os nenos/as e a festa do porco á brasa.

A programación das festas da Peregrina comeza este venres, 7 de agosto, coa festa do porco á brasa. Esta iniciativa gastronómica desenvolverase a partir das 22:00 horas no campo da festa da Peregrina. Haberá música a cargo do dúo Rosán. As persoas que queiran acudir a esta festa terán que adquirir os correspondentes tíckets, de xeito anticipado, nos bares colaboradores e na propia comisión.

O sábado, 8 de agosto, a festa empeza ás 10:00 horas co tradicional lanzamento das 21 bombas de palenque. A ese mesma hora comezarán os pasarrúas a cargo das charangas O Recobio de Vaamonde e Os Atrevidos de Barcala. Ás 12:00 horas haberá un concerto da banda de música de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) na praza da Maía. Media hora despois, ás 12:30 h haberá unha misa onde os rapaces e rapazas celebrarán a súa primeira comuñón. Tralos actos litúrxicos, ás 14:00 horas, celebrarase a sesión vermú a cargo da orquestra Compostela.

Xa pola tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, haberá inchables para os nenos/as no parque da Travesía do Rueiro. Ás 19:00 horas volverán os pasarrúas a cargo das charangas O Recobio de Vaamonde e Os Atrevidos de Barcala. Ás 20:30 celebrarase unha misa con procesión de antorchas e ás 21:30 horas actuará no campo da festa o grupo de baile latino (da man de Estela Dosil). A verbena comezará ás 22:30 horas coa actuación das orquestras Los Satélites e Compostela.

O domingo 9 de agosto a festa tamén empezará ás 10:00 horas co tradicional lanzamento das 21 bombas de palenque. A ese mesma hora comezarán os pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Castros de Ames. Unha hora e media despois, ás 11:30 h realizarase unha actuación de baile na praza de Chavián. Ás 11:00 horas haberá un concerto da banda municipal de Outes na praza da Maía e ás 12:30 h desenvolverase unha misa solemne e a correspondente procesión que estará acompañada pola banda municipal de Outes. A sesión vermú celebrarase a partir das 14:00 horas a cargo da orquestra Poceiro.

Pola tarde, ás 19:30 h, xogarase o XII Trofeo de fútbol Café Don Budi no campo municipal de Bertamiráns, e ás 22:30 horas, comezará a verbena coa actuación das orquestras Poceiro e D´Tacón.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns relanza la Peregrina"