Pestanas principais

Excursión a Vilanova de Cerveira e Valença do Minho coa asociación cultural e de festexos Virxe da Peregrina

Luns, 10 de outubro de 2016

[10-10-2016] A asociación cultural e de festexos Virxe da Peregrina de Bertamiráns organiza, coa colaboración do Concello de Ames, unha excursión ao norte de Portugal o sábado 22 de outubro. O prezo, de 30 euros, inclúe o xantar e o transporte de ida e volta. Visitaranse as vilas de Vilanova de Cerveira e a Valença do Minho. O prazo de inscrición remata o día 14 de outubro.

A asociación cultural e de festexos Virxe da Peregrina prepara para o sábado, 22 de outubro, unha saída ao norte de Portugal. O prazo de inscrición remata o venres 14 de outubro, e pódese realizar por teléfono chamando ao teléfono 619 424 406. O prezo, que é de 30 euros, inclúe o xantar e o transporte de ida e volta. Visitaranse as vilas de Vilanova de Cerveira e a Valença do Minho.

Un autobús sairá dende Bertamiráns, ás 8:45 horas, con destino a Vilanova de Cerveira. Esta vila é o núcleo dun municipio do mesmo nome, unido ao concello galego de Tomiño a través dunha ponte. Entre os seus edificios de interese cultural destacan a súa igrexa, o seu castelo ou a Casa Verde. Os sábados son un día de especial atractivo, xa que o gran mercado que organiza a vila atrae a numerosas persoas e a enche de cores e movemento.

Despois da visita a Vilanova de Cerveira o grupo desprazarase ata Valença do Minho, onde está programado o xantar. Pola tarde visitarase a Fortaleza, na parte máis alta de Valença do Minho. Esta edificación, cuxa construción data do século XVII, conserva as súas catro entradas e baluartes, e unha vez dentro poderanse percorrer as súas pequenas rúas e comercios, un dos seus grandes atractivos turísticos. En torno ás 19:00 horas o autobús abandonará Valença do Minho para volver a Bertamiráns. A chegada está programada en torno ás 20:30 horas.