[26-10-2018] Despois de cinco días cheos de espectáculos infantís, comeza un fin de semana no que as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro serán escenario de obradoiros de maxia, o espectáculo “Cantando baixo a maxia” e tres sesións da Gala Máxica Internacional. Durante a semana, máis de 3.000 escolares, que están a cursar dende infantil ata segundo da ESO, participaron nos espectáculos ofrecidos polos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín nos centros educativos de Ames.
O festival de maxia comezou este pasado luns coa realización de distintos espectáculos de pequeno formato polos centros de ensino do concello. Así todas as nenas e nenos que cursan dende infantil ata 2º da ESO nos centros escolares de Ames, un total de 3.039 alumnos/as, puideron gozar das actuacións cargadas de maxia e sorpresas de Roberto Lolo e Pedro Bugarín. As últimas sesións realízanse hoxe, coa actuación de Pedro Bugarín no CEIP Agro do Muíño, ante os 493 nenos e nenas que están a cursar dende infantil ata sexto de primaria, mentres que Roberto Lolo o fai no IES do Milladoiro, ante 206 alumnos de 1º e 2º da ESO.
Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, o prestixioso mago Luigi Ludus estará na Casa da Cultura de Bertamiráns co seu espectáculo de maxia infantil “Cantando baixo a maxia”, dirixido a nenos/as de ata 12 anos. Para este espectáculo aínda quedan entradas dispoñibles.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que repiten este ano son os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. Así, o sábado 27, o mago Roberto Lolo impartirá un taller na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11.00 a 12.30. O domingo, en cambio, o obradoiro impartirase no mesmo horario na Casa da Cultura do Milladoiro, e correrá a cargo de Pedro Bugarín.
Para estes talleres, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, ofértanse un total de 50 prazas (25 por día). Para participar é necesario inscribirse chamando ao número de teléfono 981 535 940, dende o día 22 ata o 26 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para estas actividades aínda quedan prazas libres.
“A volta a Galicia en 313 concellos”
Pola súa banda, o Mago Antón tamén participara neste festival co seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos”, que representa en Ames o sábado. Pola mañá, realizará tres sesións na praza de Chavián de Bertamiráns (ás 11.00, ás 12.00 e ás 13.00 horas), mentres que pola tarde actuará no aparcadoiro de Travesía do Porto, no Milladoiro, ás 18.00, ás 19.00 e, por último, ás 20.00 horas.
O aforo máximo será de 70 persoas por sesión, polo que para acudir é necesario recoller os convites nas Casas da Cultura ata o venres 26 de outubro, en horario de 09.00 a 14.00 horas, a excepción dos da sesión das 18.00h, para a que os convites xa están esgotados. Premendo na seguinte ligazón https://youtu.be/VyH1VDEfsjs podes acceder ao vídeo promocional deste espectáculo, co que o mago Antón está a recorrer Galicia.
Gala Internacional de Maxia
A actividade que crea maior expectación do XIII Festival de Maxia de Ames é a Gala Máxica Internacional, da que se realizan tres pases. Esta gala, presentada por Dani Polo, contará coa participación da maga Gisell e os magos Edgard, Darío Proximity, David Díaz e Samuel Pons.
Así, o sábado, celébranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, a primeira ás 18.30h e a segunda ás 20.30 horas. Para estes espectáculos xa quedan poucas entradas dispoñibles. Na billeteira electrónica só quedan dispoñibles entradas para a función das 20.30 horas. Cómpre lembrar que para ambas función resérvase o 10% das entradas para vender na billeteira da Casa da Cultura de Bertamiráns, dende unha hora antes do inicio dos espectáculos.
O domingo realizarase unha función na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.30 horas. Para esta última sesión xa non hai entradas dispoñibles na billeteira electrónica. Quedan dispoñibles o 10% das entradas, que só poderán mercarse a partir das 17.30h do domingo na billeteira da propia Casa da Cultura.
As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia, así como aos espectáculos de maxia infantil, pódense mercar na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través dun banner situado na portada da páxina web municipal ou, de maneira presencial, nas Casas da Cultura. A entrada ten un custo de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euros para menores. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal
Contido relacionado
Video promocional do espectáculo "A volta a Galicia en 313 concellos" do Mago Antón
Compostela 24 horas: "Fin de semana máxica no Concello de Ames"