[20-11-2018] Baseada no libro homónimo de Montse Fajardo, a peza teatral Invisibles chega á Casa da Cultura do Milladoiro para presentar ante o público unha serie de historias reais de mulleres galegas, unidas pola crueldade da violencia de xénero. A obra, dirixida por Marián Bañobre, está interpretada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez. As entradas para asistir ao espectáculo, que terá lugar este venres, 23 de novembro, ás 21.00h, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica, cun prezo de cinco euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos e estudantes con carné.
Invisibles é un espectáculo de creación colectiva que parte da novela homónima de Monste Fajardo para presentar ante o público diversas historias de mulleres galegas vítimas de violencia de xénero. A través destas historias, algunhas delas coñecidas pola súa repercusión mediática, buscarase poñer sobre a mesa a inexistencia dun perfil común entre as vítimas deste tipo de violencia e, por outra banda, denunciar a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade.
Redrum Teatro é a encargada de traer a Ames esta peza, destinada a maiores de doce anos debido á crueza dalgunha das situacións que se representan. Dirixida por Marián Barallobre, o espectáculo conta coas actuacións de Mela Casal, Nieves Rodríguez e Sheyla Fariña.
Antes do inicio da obra, a asesora xurídica do CIM de Ames, Maite Arufe, presentará á Sheyla Fariña, que será a encargada de realizar unha pequena charla na que contextualizará a obra e falará de como xurdiu. Esta actividade forma parte dunha serie de accións organizadas pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade durante a campaña Ames en Negro, co obxectivo de concienciar sobre a violencia de xénero.
As entradas para asistir a este espectáculo xa están dispoñibles a través da Billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de cinco euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "A peza de teatro "Invisibles" represéntase na Casa da Cultura do Milladoiro"