- Tematica
Esta mañá, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, contabilizáronse os votos emitidos polos/as vendedores/as ambulantes para decidir o emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns. Deste xeito, decidiuse que o mercado de rúa realizarase na praza do Concello, e nas rúas Entrerríos e Ameneiral. Esta opción foi a máis votada co 77% dos votos emitidos. A previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico-sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente.
Ata este pasado mércores, 21 de outubro, os vendedores/as ambulantes puideron facer propostas en torno ao emprazamento no que queren que se sitúe o mercado de rúa que se desenvolve os sábados pola tarde en Bertamiráns. As tres opción que se ofreceron foron en primeiro lugar realizar o mercado coa modalidade do 50% dos postos un sábado e o outro 50% o sábado seguinte e así sucesivamente, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.
A segunda opción que se ofreceu por parte do Concello foi a ampliación da zona do mercado de venda ambulante á praza do Concello, rúa Entrerríos e rúa Ameneiral, e poñer a totalidade dos postos. A terceira e última opción contemplaba repartir ao 50% os postos en quendas de mañá e tarde, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.
Unha vez rematado o prazo de votación, esta mañá procedeuse ao reconto dos votos, sendo a segunda opción (realizar o mercado de venda ambulante na praza do Concello e nas rúas Entrerríos e Ameneiral) a máis votada co 77,30% dos votos emitidos. A primeira opción recibiu un 18,20% dos votos, mentres que o 4,50% dos votos emitidos non se puideron ter en conta ao ser emitidos por ningunha das canles establecidas (Sede electrónica ou depositar o documento de votación nunha urna habilitada na Casa do Concello).
Deste xeito, a previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico-sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente. A partir de hoxe informarase a todos/as os/as vendedores/as ambulantes sobre o novo emprazamento que terá o mercado de rúa de Bertamiráns.
Mercado na rúa do Sar
Cómpre lembrar que dende o mes de xuño e por mor das medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, o mercado de rúa de Bertamiráns situouse temporalmente na rúa de Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse de xeito consensuado coas asociacións de comerciantes e de ambulantes máis representativas e co obxectivo de que puidesen estar no mercado o cen por cen dos postos.
Agora, coa chegada do inverno, o comercio ambulante precisa para o desenvolvemento óptimo da súa actividade localizacións que o protexan das inclemencias do tempo e a rúa do Sar no cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia que caracterizan esta estación.
Ademais, o mercado ambulante funciona como eixo de atracción da cidadanía para o consumo de bens e servizos, polo que a súa reactivación convértese en cuestión prioritaria para o departamento de Promoción Económica “E necesario -manifesta a concelleira Ana Belén Paz- que o eixo económico da localidade volva a confluír ao redor da Casa consistorial. A influencia do mercado nas rúas lindeiras para a reactivación económica da vila é incuestionable, e establece o eixo principal do desenvolvemento comercial e hostaleiro da localidade”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Arrasa la opción de ampliar a la plaza el ferial de Bertamiráns"
Revista AmesGo: "Os ambulantes votan a favor dun mercadillo arredor do Concello"
Lindeiros: "O mercado de Bertamiráns instalarase na contorna da Casa do Concello de Ames"