Pestanas principais

Os vendedores ambulantes deciden que o mercado de rúa de Bertamiráns se realice na contorna da praza do Concello

Xoves, 29 de outubro de 2020

Esta mañá, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, contabilizáronse os votos emitidos polos/as vendedores/as ambulantes para decidir o emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns. Deste xeito, decidiuse que o mercado de rúa realizarase na praza do Concello, e nas rúas Entrerríos e Ameneiral. Esta opción foi a máis votada co 77% dos votos emitidos. A previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico-sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente.

Ata este pasado mércores, 21 de outubro, os vendedores/as ambulantes puideron facer propostas en torno ao emprazamento no que queren que se sitúe o mercado de rúa que se desenvolve os sábados pola tarde en Bertamiráns. As tres opción que se ofreceron foron en primeiro lugar realizar o mercado coa modalidade do 50% dos postos un sábado e o outro 50% o sábado seguinte e así sucesivamente, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.

A segunda opción que se ofreceu por parte do Concello foi a ampliación da zona do mercado de venda ambulante á praza do Concello, rúa Entrerríos e rúa Ameneiral, e poñer a totalidade dos postos. A terceira e última opción contemplaba repartir ao 50% os postos en quendas de mañá e tarde, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.

Unha vez rematado o prazo de votación, esta mañá procedeuse ao reconto dos votos, sendo a segunda opción (realizar o mercado de venda ambulante na praza do Concello e nas rúas Entrerríos e Ameneiral) a máis votada co 77,30% dos votos emitidos. A primeira opción recibiu un 18,20% dos votos, mentres que o 4,50% dos votos emitidos non se puideron ter en conta ao ser emitidos por ningunha das canles establecidas (Sede electrónica ou depositar o documento de votación nunha urna habilitada na Casa do Concello).

Deste xeito, a previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico-sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente. A partir de hoxe informarase a todos/as os/as vendedores/as ambulantes sobre o novo emprazamento que terá o mercado de rúa de Bertamiráns.

Mercado na rúa do Sar
Cómpre lembrar que dende o mes de xuño e por mor das medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, o mercado de rúa de Bertamiráns situouse temporalmente na rúa de Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse de xeito consensuado coas asociacións de comerciantes e de ambulantes máis representativas e co obxectivo de que puidesen estar no mercado o cen por cen dos postos.

Agora, coa chegada do inverno, o comercio ambulante precisa para o desenvolvemento óptimo da súa actividade localizacións que o protexan das inclemencias do tempo e a rúa do Sar no cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia que caracterizan esta estación.

Ademais, o mercado ambulante funciona como eixo de atracción da cidadanía para o consumo de bens e servizos, polo que a súa reactivación convértese en cuestión prioritaria para o departamento de Promoción Económica “E necesario -manifesta a concelleira Ana Belén Paz- que o eixo económico da localidade volva a confluír ao redor da Casa consistorial. A influencia do mercado nas rúas lindeiras para a reactivación económica da vila é incuestionable, e establece o eixo principal do desenvolvemento comercial e hostaleiro da localidade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Arrasa la opción de ampliar a la plaza el ferial de Bertamiráns"

Revista AmesGo: "Os ambulantes votan a favor dun mercadillo arredor do Concello"

Lindeiros: "O mercado de Bertamiráns instalarase na contorna da Casa do Concello de Ames"

Esta mañá, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, contabilizáronse os votos emitidos polos/as vendedores/as ambulantes para decidir o emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns.

Multimedia

  • Esta mañá, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, contabilizáronse os votos emitidos polos/as vendedores/as ambulantes para decidir o emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns.