- Tematica
As bibliotecas municipais, que permanecerán pechadas ao público ata o 17 de febreiro, seguen a organizar unha serie de sesións de contacontos infantís na rede todos os mércores. Baixo o título de “Dixicontos”, os usuarios e usuarias poderán acceder a esta actividade a través da páxina de Facebook da biblioteca. Este mércores, 10 de febreiro, pódese ver o conto: A xoaniña rosmona. Ademais, dende este martes 9 de febreiro as animadoras á lectura comezarán a festexar o Entroido propoñendo recursos, información, xogos, pasatempos, cancións... baixo a etiqueta #entroidoteca2021.
As animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Calvo Ares e Divina Fernández Canosa, asómanse cada mércores, dende o pasado mes de novembro, a fiestra do Facebook das bibliotecas para seguir animando á rapazada amesá a ler, escoitar e desfrutar das historias que contan os libros. Fano a través da rede, ampliando ademais deste xeito as posibilidades de aforo ilimitado que supón esta vía de comunicación.
As sesións do mes de febreiro comezaron o pasado mércores día 3 co conto Lobo Feroz. Continúan este mércores 10 de febreiro co conto A xoaniña rosmona. O día 17 as animadoras á lectura narrarán O rato e os ventos, e para pechar a programación do mes de febreiro, os nenos e nenas de Ames poderán desfrutar do conto Oh!, o mércores 24 de febreiro.
Dixicontos no confinamento
Non é a primeira vez que a Biblioteca Municipal leva a súa actividade de contacontos á rede. Durante o período de confinamento as actividades de animación á lectura víronse absolutamente limitadas. Nesa ocasión, as animadoras á lectura das bibliotecas realizaron 3 contacontos virtuais á semana que se retransmitiron os luns, mércores e venres, tamén a través do Facebook do departamento. Os 30 vídeos realizados nesta época seguen accesibles para todas aquelas persoas que os queiran ver na páxina de Facebook da biblioteca municipal.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, explica que “a pesar de que polas novas restricións as bibliotecas permanecerán pechadas ao público ata o 17 de febreiro a programación de animación á lectura continúa na medida do posible a través do Facebook das bibliotecas. Cada mércores as animadoras á lectura publican os seus dixicontos e a partir do martes día 9 comezarán a festexar o entroido propoñendo recursos, información, xogos, pasatempos, cancións... baixo a etiqueta #entroidoteca2021”.