Pestanas principais

O Concello de Ames participa no V Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación organizado polo Eixo Atlántico

Mércores, 15 de xuño de 2022

Este martes, 14 de xuño, celebrouse no salón de plenos do Concello de Sarria o V Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación, que estivo organizado polo Eixo Atlántico. Un total de oito entidades presentaron as súas experiencias en diferentes ámbitos da educación, nesta ocasión centradas na educación patrimonial, a cidadanía, e na promoción da saúde mental e as competencias socio-emocionais. Por parte do Concello de Ames acudiron a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e maila técnica municipal de Promoción da Saúde, Rosana Martínez.

Adelina Pinto, presidenta do grupo temático de Educación e Cultura, Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, e Claudio Garrido, alcalde de Sarria, recibiron aos asistentes. A xornada finalizou coa visita guiada ao Mosteiro da Madalena, en Sarria, e ao Mosteiro de Samos, situado no Camiño de Santiago.

Adelina Pinto inaugurou a xornada destacando a importancia de “compartir as experiencias, as cousas boas e as non tan boas”. Ademais, asegurou que o Eixo Atlántico “ten a capacidade de unirnos ao redor da educación”. Pola súa banda, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, defendeu a educación pública, mentres que o secretario xeral do Eixo Atlántico criticou o ascenso dos populismos e asegurou que “deixa entrever o fracaso do modelo educativo. O modelo non fomenta a capacidade crítica”.

Saúde mental
Na temática de saúde mental, tres entidades presentaron as súas boas prácticas coa moderación de Ana González Abelleira, deputada da área de Formación, Ensino, e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo.

Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e de Promoción da Saúde do Concello de Ames, expuxo o seu programa “Regulación Emocional”. Tras observar as consecuencias que a pandemia provocou nos mozos e mozas de secundaria, o Concello de Ames organizou catro sesións de mindfulness dirixidas ao alumnado, familias e profesorado co obxectivo de desenvolver unha maior competencia emocional; aprender a percibir, expresar e controlar as emocións; concibir que o sentimento, o pensamento e a acción están ligados; aprender a acougar a mente, conseguir un estado de serenidade e tranquilidade; desenvolver a habilidade para xerar emocións positivas; reducir o estrés, a ansiedade e os síntomas de depresión; reducir a reactividade e os problemas de conduta; aumentar a capacidade de concentración e reducir a tendencia para distraerse.

Ademais, Luísa Feijóo explicou que “con este programa conseguimos que os nosos mozos e mozas coñeceran as súas propias emocións; manexaran ditas emocións; tiveran un coñecemento básico sobre como funciona a mente e como é afectada polos propios pensamentos e emocións; e traballaran coa atención plena para implementar recursos persoais para a regulación emocional. As intervencións baseadas en atención plena ou mindfulness poden mellorar a saúde física e mental e o benestar emocional dos nenos e adolescentes que participan nelas. Outro dos grandes obxectivos deste programa é dar a coñecer a saúde mental e desmitificala”.

Olegario Sampedro, presidente do Instituto de Mediación Educativa de Ribeira, falou sobre a entidade. O IMER é unha asociación socio-educativa sen ánimo de lucro formada, en 2011, polo profesorado de secundaria. Os seus obxectivos son fomentar a mediación e o coñecemento como instrumento adecuado na xestión e resolución de conflitos no ámbito educativo e propiciar a Cultura de Paz e os Dereitos Humanos como marco adecuado de convivencia.

Marlene Sousa, do ProChild CoLAB de Guimarães, presentou "Coaction e a saúde mental das crianças”, un proxecto comunitario de investigación-acción, co obxectivo de promover o benestar, a saúde mental e a resiliencia dos nenos, entre 3 e 10 anos, durante e despois da pandemia da Covid-19, a través dunha acción colaborativa entre o ProChild CoLAB, o Concello de Guimarães, o CIPsi e a APsi- UMinho.

A través deste proxecto, ponse a disposición un rastrexo en liña de problemas de saúde mental a preto de 6.000 nenos entre 3 a 10 anos de idade da rede escolar pública do municipio de Guimarães, sendo ofrecida avaliación psicolóxica profundada e intervención psicolóxica empiricamente fundamentada, individualizada e gratuíta ás que presenten problemas de saúde mental e ás respectivas familias.

Educación patrimonial e cidadanía
En materia de educación patrimonial e cidadanía, moderou o faladoiro Rubén Prol, concelleiro de Educación de Santiago de Compostela.

Beatriz Varela, técnica de Educación de Santiago de Compostela, presentou “Vivir nas cidades históricas”, un relatorio no que se recalcou a importancia de que os colexios colaboren con outras entidades da cidade para que os nenos e nenas aprendan sobre patrimonio histórico, cultural e natural. O Concello de Santiago, a través de distintos departamentos municipais, da rede de museos, así como dun bo número de entidades e empresas, conta con diferentes recursos didácticos que converten a cidade nunha aula.

Algúns destes programas son “Vivir en Santiago”, co que se poñen ao dispor dos colexios os recursos da cidade; “Aula de Patrimonio”, para coñecer as cidades; “Patrimonio da Humanidade en España”; ou “Coñecer as cidades do Eixo Atlántico”, que organiza intercambios escolares.

Isabel Teixeira, técnica superior de Educación de Vila Real, pechou a temática de educación patrimonial e cidadanía coa iniciativa “Assembleia Municipal Infantil”. O seu obxectivo é incentivar o interese, desde os primeiros anos, polos deberes e dereitos como cidadán, así como desenvolver capacidades de intervención e argumentación.

Promoción das competencias socio-emocionais
Por último, falouse sobre a promoción das competencias socio-emocionais. Esta parte do seminario foi moderada por Adelina Pinto, Vereadora de Educación de Guimarães.

Mara Alves, técnica do municipio de Santa Maria da Feira expuxo o proxecto "O crescer do ler e ser". O traballo foi creado durante o curso 2016-2017 coa intención de que colexios e familias cren oportunidades que promovan o desenvolvemento cognitivo dos nenos, pero que garantan tamén a súa formación interpersoal. Deste xeito, a intención é alcanzar obxectivos académicos, sociais e emocionais nas diferentes fases do ciclo vital a través de prácticas como a alfabetización emerxente e as cualificacións socio-emocionais na educación pre-escolar.

Lúcia Ramalho, psicóloga no departamento de Educación de Valongo, e Andreia Espain, presidenta da asociación Mente de Principiante, presentaron "Calmamente - aprendendo a aprender-se", un proxecto que culminará co lanzamento dun Ebook (editado pola Happy Zone Edicións), onde son compartidos varios testemuños de nenos de 8 e os 11 anos sobre as emocións e mailos sentimentos.

Por último, Iria Rajal, profesora de música en dous centros de ensino especial no Concello de Coruña, falou da iniciativa de "Musicoterapia e Pedagoxía Musical para escolas con necesidades especiais". A experta explicou que a musicoterapia é unha profesión de ámbito socio-sanitario na que se utiliza a música e os seus elementos, (o son, o ritmo, a melodía e a harmonía). O obxectivo é sempre terapéutico. Normalmente, o seu traballo vai dirixido a nenos e adolescentes con casos de TEA (autismo), Down, Asperxer, X-Fráxil, hiperactividade, parálise cerebral, cegueiras...

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El Eixo Atlántico aprende mindfulness contra el efecto emocional de la covid"

Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e de Promoción da Saúde do Concello de Ames, expuxo o seu programa “Regulación Emocional”

Multimedia

  • Un total de oito entidades presentaron as súas experiencias en diferentes ámbitos da educación
  • Un total de oito entidades presentaron as súas experiencias en diferentes ámbitos da educación
  • Un total de oito entidades presentaron as súas experiencias en diferentes ámbitos da educación
  •  Un total de oito entidades presentaron as súas experiencias en diferentes ámbitos da educación
  •  Un total de oito entidades presentaron as súas experiencias en diferentes ámbitos da educación