Pestanas principais

Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023

Venres, 31 de marzo de 2023

O salón de Pleno da Casa do Concello acolleu este xoves, 30 de marzo, un acto breve e sinxelo no que se fixo entrega das medallas do Concello aos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal de 2019-2023. O habitual era entregar ditas medallas ao comezo de mandato no pleno de investidura do alcalde e de toma de posesión dos concelleiros e concelleiras electos/as tras unhas eleccións municipais. Estas medallas deixaron de entregarse por diversos motivos dende hai varios anos. Con este acto retomouse dita iniciativa, pero ao final do mandato, como mostra de recoñecemento ao traballo realizado polos/as edís durante o seu mandato. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes da entrega de medallas

O acto comezou cunha breve intervención do alcalde, Blas García, á que posteriormente seguiu a imposición das medallas, comezando pola concelleira non adscrita e continuando polos concelleiros/as dos grupos (de menor a maior representatividade) e rematando polo alcalde. As medallas foron impostas polo alcalde, e a do alcalde foi imposta polo primeiro tenente de alcalde. Unha vez impostas as medallas interviron a concelleira non adscrita e os voceiros/as dos grupos políticos con representación na Corporación, de menor a maior representatividade.

A concelleira non adscrita, Luisa Feijoo, dixo que “esta medalla é unha bonita lembranza do paso pola Corporación como concelleiros e concelleiras, aínda que o máis importante e o que debe perdurar é o feito durante estes últimos anos”. José Ramón Oulego, de Ciudadanos, explicou que “recibir esta medalla simboliza a pertenza a este concello no que xa levo 10 anos vivindo. Tamén simboliza que existe outra forma de facer política. Aquí en Ames fomos capaces de traballar e facer política en prol da veciñanza entre seis grupos políticos diferentes”.

De seguido Quique Costas, de Ames Novo, dixo que “as medallas non deixan de ser un símbolo. O importante é o que fixemos e vivimos neste salón de plenos. Eu levo sete anos pertencendo a esta Corporación. É un período da miña vida que remata ao final do actual mandato. Voume moi agradecido dos vínculos establecidos durante todos estes anos. Esta medalla recordarame todo o vivido aquí”.

David Santomil, voceiro do BNG de Ames, dixo “quero compartir esta medalla cos meus compañeiros e compañeiros do Bloque Nacionalista Galego e en participar lembrarme de Xosé Manuel Fernández e do resto de compañeiros/as que formaron parte do BNG no mandato de 2007 a 2011 que foi a miña primeira etapa como membro desta Corporación. Despois dun parón por motivos persoas volvín á política en 2015 e desta volta coa responsabilidade de formar parte do Goberno local”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra destacou que “nos tempos que corren e, tal e como está o mundo da política, recoñecer con estas medallas o honroso traballo que desempeñamos de xeito desinteresado pola nosa xente é positivo. Para min persoalmente e creo que para todos os compañeiros que estamos hoxe aquí é un orgullo recibila”. Tamén destacou que “en Ames nunca se perde o respecto. Ames respectase a si mesmo, e por iso respecta a todos. Fronte á división, en Ames hai unidade. Fronte a crispación, en Ames hai dialogo”.

Victor Fernández, voceiro do grupo municipal socialista dixo que “é un orgullo recibir esta medalla polo que simboliza e tamén polo aprendido durante os últimos catro anos. Somos unha Corporación que ante todo temos un compromiso de militancia común a favor do noso concello. A entrega destas medallas facíase a comezos de mandato, pero creo que ten máis sentido facelo agora ao finalizar o mandato da Corporación. Compromiso, ilusión, traballo, esforzo, dar o mellor de nós... serían palabras que diriamos o primeiro día pero que se materializaron ao longo deste catro anos. Houbo colaboración e sacáronse moitos proxectos comúns adiante. O dialogo foi o que guiou a relación política deste goberno e da corporación”.

Pechou o acto o alcalde de Ames, Blas García, que cualificou o mandato 2019-2023 como “o mandato do orgullo polo traballo feito. Durante os últimos catro anos vivimos momentos complicados debido á pandemia da Covid. Ademais, houbo dous compañeiros que deixaron a Corporación por diversos motivos como foi Jose Miñones e Ramón García Argibay e aos que tamén lle entregamos esta medalla que hoxe estamos recibindo nós. Uns deixaremos esta Corporación antes e outros despois, pero creo que debemos marchar coa cabeza alta polo traballo feito, a dignidade amosada e maila honradez demostrada no traballo feito. Tamén é un motivo de orgullo que esta Corporación é un referente para moitas outras, porque demostrou que traballa de xeito conxunto e dándolle prioridade ao dialogo para acadar o consenso”.

Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023

Multimedia

  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023
  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023
  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023
  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023
  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023
  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023
  • Realízase o acto de entrega de medallas á Corporación municipal de 2019-2023