Tras o éxito acadado na edición anterior do programa InserAmes-Brión XI (período 2018-19), cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 60% das persoas participantes, os concellos de Ames e Brión acaban de poñer en marcha un novo programa que rematará en outubro do 2020. Na décimo segunda edición do InserAmes-Brión participan 100 persoas desempregadas, residentes nos concellos de Ames e Brión, que pertencen aos colectivos de menores de 30 anos e maiores de 45 anos.
No novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros, participan 100 persoas, 85 persoas desempregadas menores de 30 anos e 15 persoas desempregadas maiores de 45 anos, dos concellos de Ames e Brión. Para a execución de dito programa os Concellos de Ames e Brión contrataron a dúas persoas, como funcionarios interinos por programa, durante un período de tres anos, maila opción dun cuarto ano de prórroga.
O obxectivo desta nova edición é superar as porcentaxes de inserción laboral dos programas anteriores e poder acadar cifras superiores ao 60 % das persoas participantes. Durante o desenvolvemento do programa as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas, elixindo a que máis se adapte aos seus intereses entre diferentes áreas: comercio e atención ao público; actividades de almacén; ocio e tempo libre; limpeza; manexo de maquinaria…
Este ano, como novidade, impartiranse o certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais” (SSCS0208) e o módulo de “Instalacións eléctricas en edificios e vivendas” do certificado “Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión (ELEE0109)”.
Os participantes, ademais, recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, emprendemento, etc. Tamén contarán co apoio de titorías persoais para o acompañamento na busca de emprego. Os/as participantes neste programa teñen dereito a percibir unha bolsa de 5 euros ao día de asistencia ás diversas accións do programa. Ademais dispoñen de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar (gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes).
Accións formativas
Durante a execución do InserAmes-Brión XII desenvolveranse as seguintes accións formativas dirixidas ás persoas desempregadas menores de 30 anos e maiores de 45 anos: monitor de actividades de tempo libre (350 horas); monitor de transporte e comedor escolar (85 horas); primeiros auxilios na educación infantil (10 horas); monitor de espazos de ocio infantil (10 horas); actividades de comercio e venda (150 horas); actividades de almacén e loxística (150 horas); limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e arranxo de habitacións (150 horas); novas tecnoloxías-ofimática (60 horas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (450 horas); e manexo de maquinaria (35 horas).
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “este programa xa se converteu nunha referencia para o Concello de Ames en materia de promoción do emprego. En todas as edicións os resultados foron moi positivos, pero especialmente no período 2018-19, onde se conseguiu unha porcentaxe de inserción laboral superior ao 60% das persoas participantes. Agradamos que nesta edición, que acaba de comezar unha vez máis en colaboración co Concello de Brión, se poida superar a porcentaxe de inserción da edición anterior, ou polo menos igualala”.
Balance do InserAmes Brión XI
O pasado 31 de outubro rematou a edición 2018-2019 do programa InserAmes Brión XI, dirixido a 100 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos, dos que 75 obtiveron un contrato laboral. Deses contratos, 61 tiveron unha duración superior aos tres meses. Ao longo dos 12 meses de duración do programa realizáronse un total de 27 accións formativas, asináronse 25 convenios de prácticas non laborais con empresas da comarca para 43 persoas participantes.
Como resultado destas prácticas o 28% dos participantes acadou a súa inserción laboral. Destacando, o 100% de inserción dos alumnos que realizaron prácticas no curso de “Limpeza de superficies e locais e arranxo de habitacións en hoteis” e o 44% dos participantes do itinerario de tempo libre e servizos educativos, que veñan a confirmar o éxito das prácticas en empresas como medida de inserción no mercado laboral para os participantes no programa.