Pestanas principais

127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022

Luns, 26 de decembro de 2022

Dende o pasado venres, 23 de decembro, e ata o vindeiro 5 de xaneiro, está desenvolvéndose en Ames o programa de conciliación Nadal Lúdico, unha oferta educativa e de ocio organizada pola Concellaría de Educación e co financiamento do programa Corresponsables, dirixida ás familias amesás que precisen compatibilizar a súa vida laboral e familiar. Nel están a participar, en horario de 7:30 a 16:00 horas, 127 nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria.

O programa ten lugar durante os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2023. Nel ofértanse os servizos de conciliación habituais dos programas do concello, como os Bos Días ou o comedor, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Nese senso, tamén son flexibles os horarios de entrada e saída dos nenos e nenas participantes, que se poden incorporar ás 7:30 ou as 9:00 horas (cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras), e ser recollidos ás 14:30 ou 16:00 horas.

O Nadal Lúdico está a desenvolverse tanto no CEP de Ventín, onde participan 69 nenos e nenas, como no CEIP da Maía, que alberga a 58 usuarios. Este ano, a programación pretende traballar de forma activa nunha actitude integradora cara ao concepto de interculturalidade do ámbito educativo. A proposta ten como obxectivo fomentar o respecto, o coñecemento mutuo e a prevención de actitudes racistas e/ou xenófobas, incluíndo a perspectiva de xénero.

Programa do Nadal Lúdico 2022
Nesta ocasión, o alumnado traballará os valores a través da personaxe de Marga Polo, unha afamada antropóloga, descendente da familia Polo de Venecia, que se dirixe aos nenos e nenas dende os distintos lugares aos que viaxa.

Cada día, Marga Polo relátalles aos nenos e nenas a realidade dos distintos lugares que visita, compartindo con eles todos os telegramas que recibe de distintos puntos ao longo dos cinco continentes. Deste xeito, cada día preséntalles aos cativos unha nova problemática relacionada cos dereitos da infancia que está a vivir un rapaz ou rapaza dun país diferente. Desta maneira, o alumnado observa as diferenzas culturais, mostradas a través de lendas ou contos tradicionais representativos de cada unha desas culturas.

Posteriormente, os participantes do Nadal Lúdico poden ir deixando preguntas sobre as costumes do resto de países no “muro dos porqués”, que se irán resolvendo a medida que avanza o campamento. Por outra banda, a través do programa de conciliación tamén se propoñen xogos con músicas e danzas tradicionais dos distintos continentes.

Así mesmo, a proposta complétase coa dinámica “Nas diferenzas está o gusto”, coa que a rapazada aprenderá a apreciar as dinámicas a través dun pasatempo, creando un mural conxunto composto por distintos monstros creados a través dunha serie de táboas aleatorias que definirán a súa cor, forma, particularidades...

Para finalizar o programa, o alumnado participará nunha xincana de probas relacionada coa multiculturalidade, e levarase a cabo unha obra de monicreques, denominada “Contos doutras terras”. Todos os nenos e nenas elaborarán con material de refugallo monicreques para representar pequenas lendas ou contos tradicionais de distintas culturas por grupos.

A programación ao completo e os post das actividades que se están realizando no programa de conciliación Nadal Lúdico pódense consultar ao completo premendo nesta ligazón.

Plan Corresponsables
O programa Nadal Lúdico organízase co amparo do Plan Corresponsables, que ten como obxectivo regular a concesión de subvencións destinadas a desenvolver e financiar actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos no ámbito galego; mellorando a vida cotiá das familias e equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

En agosto de 2022, o Concello de Ames, a través do departamento de Educación, presentou unha solicitude para a súa participación no programa, posto que o Concello leva anos prestando servizos de conciliación da vida laboral e familiar que abarcan tanto períodos lectivos como non lectivos, para nenos en idades comprendidas entre os 3 anos e os 12 anos. Concretamente, solicitouse a concesión de subvencións ao abeiro deste plan para o servizo de Tardes Divertidas, os programas lúdicos e a escola de verán. En outubro deste mesmo ano, a Secretaría de Igualdade de Xunta de Galicia resolveu conceder unha axuda por importe de 150.000 euros, o importe máximo ao que podía optar o Concello.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames concilia apostando por la interculturalidad"

AMS GO!: "O Nadal Lúdico de Ames axuda a conciliar ás familias de 127 nenas e nenos"

El Correo Gallego: "Máis dun cento de amesáns participan no programa de conciliación de Nadal"

O concelleiro de Educación, David Santomil, visitou a pasada semana o CEP de Ventín

Multimedia

  • 127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022
  • 127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022
  • 127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022
  • 127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022
  • 127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022
  • 127 nenos e nenas amesáns participan no programa de conciliación Nadal Lúdico 2022