[08-01-2018] O pasado venres, 5 de xaneiro, rematou o Nadal Lúdico de Ames. O programa, que se viña desenvolvendo desde o pasado 22 de decembro, en horario de 7:30h a 16:00 horas, contou coa participación de 139 nenas e nenos. En Bertamiráns, as crianzas participantes acudiron ao CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro, o alumnado de educación infantil acudiu á EEI Milladoiro, e o de educación primaria ao polideportivo e á Casa da Cultura. As emocións, o autocoñecemento e a autoestima centraron a maior parte das actividades, que se encadraron baixo o título “Exploramos os nos talentos”.
O fío condutor do Nadal Lúdico 2017 foron as emocións. Baixo o título “Exploramos os nosos talentos”, as nenas e nenos participantes traballaron cuestións vinculadas ao autoconcepto e á autoestima, así como aos estereotipos existentes sobre a identidade e a lingua galega. Así mesmo, as crianzas usuarias tamén aprenderon a importancia de pórlle ilusión e entusiasmos ás cousas que se fan.
Candela, unha famosa montañeira, foi a responsable de guiar ás cativas e aos cativos a través destes contidos. Experta en supervivencia, esta exploradora ofreceulles ás nenas e nenos recursos para superar os medos nas situacións máis difíciles. Desta maneira, Candela foilles dando ás crianzas ingredientes valiosos para acadar os seus obxectivos como a creatividade, a imaxinación ou a resilencia, coa finalidade de que as nenas e nenos reflexionasen sobre estes conceptos dunha maneira sinxela.
Ademais, Candela tamén foi a encargada de dar a coñecer ás nenas e nenos algunhas das personaxes galegas máis talentosas. Baixo o lema “Galicia ten talento”, Candela levou ao Nadal Lúdico as historias de figuras como as do inventor do futbolín, Alexandre de Fisterra, as da gaiteira, Cristina Pato, ou as do xornalista e investigador, Manuel Gago. Alén diso, as cativas e cativos tamén puideron coñecer proxectos como os do antigo estudo de animación Dygra Films, creador de filmes como O bosque animado ou O soño dunha noite de San Xoán, ou o do Grupo Nove de cociña de vangarda feita en Galicia. O Nadal Lúdico 2017 tamén puxo o foco no Nadal, facendo fincapé nunha perspectiva humana a través dos seus valores principais tais como a celebración, a colaboración ou a partilla.
Como todos os anos, o Nadal Lúdico estivo dirixido ao alumnado escolarizado no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, empadroado no Concello de Ames. Este ano, participaron 72 nenas e nenos no Milladoiro e 67 en Bertamiráns. Na primeira das localidades, as actividades desenvolvéronse tanto na EEI Milladoiro, no caso do alumnado de infantil, como na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo, no do alumnado de primaria. En Bertamiráns, as actividades leváronse a cabo, integramente, no CEIP A Maía. O programa desenvolveuse, en horario de 07:30h a 16:00 horas, os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.