[26-12-2017] O inicio das vacacións supón tamén o comezo do Nadal Lúdico, programa de conciliación do Concello de Ames no que participan un total de 139 usuarias e usuarios. En Bertamiráns, as nenas e nenos participantes acoden ao CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro, o alumnado de educación infantil acode á EEI Milladoiro, e do educación primaria ao polideportivo e á Casa da Cultura. No Nadal Lúdico, que se está a desenvolver desde o pasado día 22, en horario de 7:30h a 16:00 horas, realízanse actividades e obradoiros que teñen por obxectivo ocupar o tempo de lecer das cativas e cativos, dun xeito divertido e educativo, permitindo así que nais e pais poidan conciliar o seu traballo coas vacacións das súas fillas e fillos. “Exploramos os nosos talentos” é o título do programa de actividades do Nadal Lúdico que, este ano, está centrado nas emocións, no autocoñecemento e na autoestima.
O Nadal Lúdico está dirixido ao alumnado escolarizado no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria empadroado no Concello de Ames. O programa estase a desenvolver tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en horario de 7:30h a 16:00 horas. Este ano, no Milladoiro participan 72 nenas e nenos, mentres que en Bertamiráns son 67 as crianzas que acoden ao programa de conciliación municipal. Na primeira das localidades, as actividades estanse a desenvolver tanto na EEI Milladoiro, no caso do alumnado de infantil, como na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo, no do alumnado de primaria. En Bertamirán, pola súa banda, as actividades estanse a levar a cabo no CEIP A Maía.
O programa do Nadal Lúdico 2017 está centrado nas emocións. Baixo o título “Exploramos os nosos talentos”, as nenas e nenos participantes están a traballar cuestións vinculadas ao autoconcepto e á autoestima. Ademais, este proxecto ten unha segunda parte na que se traballarán os estereotipos existentes sobre a identidade e a lingua galega. Así mesmo, as nenas e nenos usuarios tamén aprenderán a valorar a importancia de pórlle ilusión e entusiasmos ás cousas que se fan.
As cativas e cativos usuarios do Nadal Lúdico contarán, nesta ocasión, coa axuda de Candela, unha famosa montañeira que os guiará a través destes contidos. Experta en supervivencia, esta exploradora ofreceralles ás crianzas recursos para superar os medos nas situacións máis difíciles. Deste xeito, cada día Candela daralles ás nenas e nenos un ingrediente valioso para acadar os seus obxectivos: creatividade, imaxinación e resiliencia serán algúns deles. Con isto, o que se busca é que as nenas e nenos reflexionen sobre estes conceptos dunha maneira sinxela.
Ademais, Candela traerá ao Nadal Lúdico algunhas das personaxes galegas con máis talento. Baixo o lema “Galicia ten talento”, Candela daralles a coñecer ás nenas e nenos figuras como a do inventor do futbolín, Alexandre de Fisterra, a da gaiteira, Cristina Pato, ou a do xornalista e investigador, Manuel Gago. De igual maneira, Candela tamén lles presentará algúns proxectos como os do antigo estudo de animación Dygra Films, creador de filmes como O bosque Animado ou o O soño dunha noite de San Xoán, ou o do Grupo Nove de cociña de vangarda feita en Galicia. Ao longo destes días, as crianzas tamén se achegarán ao Nadal desde unha perspectiva humana destacando os seus valores principais tais como a celebración, a colaboración ou a partilla.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Preto de 140 rapaces acoden ó Nadal Lúdico de Ames"
La Voz de Galicia: "Terminan los talleres para escolares en la comarca"