Pestanas principais

15 persoas participan no obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness” impulsado por Ames Saudable

Martes, 16 de xaneiro de 2024

A Concellería de Deportes e Promoción da Saúde, a través do programa Ames Saudable, organiza un novo obradoiro de xestión emocional a través da técnica “Mindfulness”. Esta actividade, que está dirixida a persoas maiores de 18 anos, comezou hoxe e desenvolverase ao longo de 8 sesións de 1 hora 45 minutos de duración. O obradoiro está impartido polo psicólogo e instrutor da técnica, Juan Carlos Permuy, e realízase os martes, en horario de 16:30 a 18:15 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta actividade tivo unha gran demanda con máis de 60 persoas inscritas. Houbo que realizar un sorteo para determinar as 15 persoas participantes.

O programa Ames Saudable suma unha nova actividade, neste caso co obxectivo de coidar e promover a saúde mental dos veciños e veciñas de Ames. Deste xeito, desde hoxe, 16 de xaneiro, estase impartindo un obradoiro de regulación emocional, seguindo o método “Mindfulness”. Con esta proposta, búscase ofrecer ferramentas para enfrontarse ás situacións do día a día e mellorar na redución de estrés e ansiedade, na concentración e na memoria.

Esta actividade realízase os martes, en horario de 16:30 a 18:15 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Impartiranse oito sesións, de 1 hora 45 minutos de duración, que están conducidas polo psicólogo Juan Carlos Permuy.

Plan de Saúde Mental Municipal
A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, asistiu hoxe á primeira sesión deste obradoiro para coñecer de primeira man como se vai desenvolver esta actividade. Durante a visita, destacou “a importancia que ten o coidado da mente, por iso se poñen en marcha actividades coma este obradoiro de mindfulness no que se ensina aos participantes a focalizar a atención no momento presente. Ademais, é moi importante o coidado da mente para reducir e evitar o estrés, a ansiedade e incluso a depresión”.

Por iso, tendo en conta a importancia que ten a regulación emocional, dende a Concellaría de Promoción da Saúde explican que “se vai a poñer en marcha un Plan de Saúde Mental Municipal, que abarcará de 2025 a 2028, e que se centrará na infancia, na mocidade e na terceira idade”.

Que é o “Mindfulness”
O “Mindfulness” é unha técnica que ensina a focalizar a atención no momento presente. O obxectivo é conseguir a atención plena, centrándose no que está a suceder “aquí e agora” e aceptándoo sen máis, sen tentar cambiar, nin xulgar nada. “Mindfulness” é un camiño cara á plena consciencia que ensina a quen a practica a concentrarse no que sucede dentro e fóra dun mesmo e que axuda a aprender a renunciar ao ruído e ás distraccións.

A regulación emocional defínese como o conxunto de procesos a través dos cales influímos nas nosas emocións e determinamos cando as temos e como as experimentamos e expresamos. O adestramento en “Mindfulness” mostrou ser unha ferramenta moi eficaz na mellora das habilidades de regulación emocional. Esta capacidade de regular os estados emocionais é considerada como un aspecto esencial da educación integral das persoas, dado que posibilita o benestar persoal, a socialización e os logros laborais e académicos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames impulsará un plan de salud mental del 2025 al 2028"

15 persoas participan no obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness” impulsado por Ames Saudable

Multimedia

  • 15 persoas participan no obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness” impulsado por Ames Saudable
  • 15 persoas participan no obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness” impulsado por Ames Saudable