- Tematica
O pasado 13 de xaneiro deu comezo unha nova edición do curso de monitor/a de actividades de tempo libre organizado polo departamento de Xuventude. Este curso, homologado pola Xunta de Galicia, conta 15 participantes, e desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril durante as fins de semana. Ten unha duración total de 350 horas (200 horas teórico-prácticas e 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre).
A concellería de Mocidade, a través do departamento de Xuventude, organiza durante os vindeiros meses unha nova edición do curso de monitor/a de actividades de tempo libre. Este ano, desenvolverase durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril durante as fins de semana, en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:30 horas. Trátase dunha formación que capacita para deseñar, programar e pór en práctica distintas actividades socioculturais e de ocio orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores e ás persoas con necesidades especiais.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, acudiu esta semana para ver de primeira man como se está a desenvolver a formación. Durante a visita, sinalou que con este curso “poden obter o título de monitor/a de tempo libre, unha formación moi útil que pode abrir numerosas portas no mercado laboral”. Así mesmo, animounos a participar nalgunha das diversas iniciativas dirixidas á mocidade de Ames impulsadas desde a súa concellería.
Contidos da formación
O curso ten unha duración total de 350 horas, e consta de dúas partes. En primeiro lugar ofrecerase unha formación teórico-práctica de 200 horas para, a continuación, pasar a un segundo bloque integramente práctico de 150 horas. A primeira parte desenvolverase durante as fins de semana, en horario de 9:00 a 14:00h e de 15:30 a 20:30 horas. Neste primeiro bloque o alumnado deberá asistir obrigatoriamente ao 80% das sesións e, no caso de non facelo, perderá o dereito a ser avaliado pola escola de tempo libre. Os criterios empregados para puntuar aos inscritos no curso neste bloque teórico-práctico serán a actitude, o grao de implicación e interese, a capacidade de reflexión, o pensamento crítico, a perspectiva educativa e o traballo individual e personalizado.
En segundo lugar, o último bloque, de 150 horas de duración, responderá a un proxecto elaborado integramente polo alumando. Para a súa realización existen dúas modalidades: 14 días nunha actividade de tempo libre (en colonias, campamentos, albergues... ou en iniciativas semellantes, sempre en períodos non inferiores a 3 días); ou 150 horas de actividade nunha entidade ou asociación que realice traballos relacionados co tempo libre. Unha vez finalice a fase teórica o alumnado ten dous anos para realizar a parte práctica, e contará cun titor ou titora designado pola entidade receptora que se fará responsable das súas prácticas.
Neste segundo bloque práctico todos os participantes terán que entregar un breve proxecto de prácticas coa programación que deseñen antes de comezalas. Do mesmo xeito, unha vez rematadas as 150 horas, deberán presentar unha memoria de elaboración propia e individual que sintetice a súa experiencia nas distintas actividades realizadas (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). Esta memoria terá que entregarse acompañada dun informe do titor ou titora de prácticas no que se confirme que o proxecto se realizou satisfactoriamente.
Unha vez que se completen as dúas fases o alumnado poderá solicitar á Xunta de Galicia o título oficial, previo pago das taxas de expedición.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Formación y local para ensayo desde Ames: el Concello donde uno de cada tres es joven"