Pestanas principais

16 padexeiros e padexeiras do Club Ribeiras do Tambre acadan medalla na XXX edición do Descenso do Tambre

Luns, 24 de agosto de 2015

[24-08-2015] 360 padexeiros participaron na XXX edición do Descenso do Tambre que se desenvolveu na mañá do domingo 23 de agosto na contorna da praia fluvial de Tapia. Ademais 90 rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete participaron na proba de circuíto, puntuable para a Liga Provincial da provincia de A Coruña. Cinco deportistas do Club Ribeiras do Tambre acadaron medalla no Descenso e once padexeiros do mesmo club local subiron ao podium pola tarde despois da proba de circuito. O club amesá quedou de subcampión no descenso, despois do Club Naútico Ponte Cesures. Na proba de circuíto, o Ribeiras do Tambre acadou o cuarto posto despois do Boiro, o Firrete de Pontedeume e o Náutico de Betanzos. Máis de cincocentos afeccionados seguiron as probas. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organizan esta competición.

As probas do XXX Descenso do tambre desenvolvéronse na mañá do domingo, día 23 de agosto. Irene Mirás, a padexeira máis internacional do Ribeiras do Tambre, acadou o primeiro posto na modalidade de Kayac-muller, mentres que Daniel López, do Club Palentino de piragüismo, fíxo na modalidade masculina. O primeiro canoista foi David Maquieira, do club Muiño de Ribadumia e o club Campión do Descenso foi o Club Naútico Pontecesures.

Pola tarde tiveron lugar as probas de circuíto, puntuables para a Liga Provincial da Provincia de A Coruña, na que participan deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Once padexeiros do Club Ribeiras do Tambre acadaron medalla. Os primeiros postos foron para Gabriel Martínez, Lara Tomé, Lorena Viaño e Luis Gilbert.

O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organizan esta competición que chega a súa trixésima edición. A proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, desenvólvese entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames). No descenso do Tambre participan padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete).

Pola tarde, desenvolveuse a segunda parte do evento coas probas correspondente ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Para elo instalouse un circuíto dun quilómetro e medio na praia fluvial de Tapia. Estas probas están encadradas dentro da Liga provincial da Coruña.

Contido relacionado


"El Descenso do Tambre resistió a la lluvia"