Pestanas principais

17 grupos participan no Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Xoves, 22 de outubro de 2015

[22-10-2015] O Concello de Ames puxo en marcha a quinta edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este ano inscribíronse máis de 60 participantes entre alumnado e profesorado. En total, participan 53 mozos e mozas do IES de Ames (Bertamiráns), IES do Milladoiro e do Colexio Alca, coordinados por 10 profesores e profesoras. Esta semana o alumnado inscrito está participando nunha xornada de formación impartida por Marián Bañobre, da compañía Ibuprofeno Teatro.

Os textos estarán en lingua galega. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto poderá ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas estará entre os 5 e os 10 minutos.

Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas o que obterá o premio do público. Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. O Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público.

Todo o alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo un convite para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.

Xornadas de formación
Esta semana o alumnado inscrito está participando nunha xornada de formación impartida pola actriz Marián Bañobre, da compañía Ibuprofeno Teatro, que lle está achegando diferentes claves de guionización, locución e interpretación. Os obxectivos desta xornada son que os participantes poidan adquirir unhas ferramentas básicas para poderen crear e desenvolver as súas propias pezas de teatro radiofónico, potenciar a creatividade e a expresión artística dos participantes, fomentar o idioma galego, descubrir unha linguaxe narrativa novidosa chea de posibilidades expresivas e establecer un diálogo e un achegamento con profesionais da escrita e da interpretación que poden incentivar iniciativas artísticas nos mozos e mozas. O alumnado do IES de Ames participou nesta xornada onte mércores, 21 de outubro. Hoxe tocoulle a quenda aos alumnos/as do IES do Milladoiro e mañá venres rematará a formación co alumnado do colexio Alca.

O Concurso Radiofónico de Teatro Lido pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Intenta, ademais, fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal. Estes son algúns dos obxectivos desta iniciativa posta en marcha polos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames.

En total, participan 53 mozos e mozas do IES de Ames (Bertamiráns), IES do Milladoiro e do colexio Alca, coordinados por 10 profesores e profesoras. O IES de Ames é o centro educativo que maior número de alumnos/as inscribiu para o concurso, cun total de 25 estudantes coordinados por 5 profesores/as. O IES do Milladoiro concorre ao Desata a Lingua!! con 21 alumnos/as e 4 profesoras, mentres que o colexio Alca conta para o concurso con 7 estudantes coordinados por unha profesora. Hai un total de 17 grupos, 8 do IES de Ames, 7 do IES do Milladoiro e 2 do Colexio Alca.