- Tematica
A Concellaría de Deportes, a través de Xesta Natureza, organiza este domingo 24 de abril a primeira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns, de 10:30 a 13:30 horas. Unhas 180 persoas inscribíronse no evento, que conta con tres categorías de menor a maior dificultade (“Xestiñas”, “Xestas” e “Xesteiras”), nas que poden participar deportistas de todos os niveis e idades.
O pavillón polideportivo de Bertamiráns servirá este domingo 24 de abril como punto de partida para a primeira carreira de orientación do Concello de Ames, que organiza a Concellaría de Deportes, a través da entidade Xesta Natureza. A proba, na que se inscribiron 180 persoas, desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 horas.
Uns 50 nenos e nenas participarán na categoría “Xestiñas”, a máis sinxela física e tecnicamente, e que conta cun percorrido por debaixo dos 3 quilómetros. Na categoría “Xestas”, a de dificultade intermedia, están inscritas 95 persoas. Nesta modalidade, na que non se superan os 4 quilómetros, participan tanto adultos como crianzas que teñan coñecementos previos sobre a orientación. Por último, na categoría de maior dificultade, “Xesteiras”, participarán 35 persoas, nunha proba máis esixente a nivel físico, cun circuíto de máis de 5 quilómetros, e que require de experiencia na disciplina.
Unha carreira de orientación é unha competición individual, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible, pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. Nesta ocasión, as persoas participantes contarán cunha tarxeta electrónica para ir rexistrando o seu paso polas balizas do percorrido, que se debe completar en orde.
Ademais, as saídas serán graduadas no tempo, polo que non comezarán a proba en ningún momento dúas persoas ou grupos á vez. Ao rematar a proba, poderanse consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no propio mapa da actividade.