- Tematica
Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de Infantil e de Educación Primaria entre o 22 e o 30 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 218 nenos e nenas, que están repartidos do seguinte xeito: 112 no CEIP da Maía, de Bertamiráns; 53 na EEI do Milladoiro e 53 no CEP de Ventín. A iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para todos os rapaces e rapazas daquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. Nesta edición do programa, os cativos e cativas aprenden sobre o solsticio de verán para pechar o curso e prepararse para novas experiencias.
O programa Xuño Lúdico estase a desenvolver durante os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño. Ofértanse os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida son as 14:30 ou as 16:00 horas.
Nesta ocasión, o alumnado está aprendendo sobre o solsticio de verán, unha festa recoñecida e celebrada por moitas e diferentes culturas ao longo da historia: a inca, a maia, a xermánica, a celta... Este momento, de fertilidade e alegría, séguese celebrando en moitos lugares na actualidade: as festas de San Xoán en España, as festas do solsticio da tradición e folclore suecos, as celebracións con lenda e fantasía nos territorios de Reino Unido e Irlanda...
Así, o Xuño Lúdico pretende empregar o solsticio para crear un momento de introspección e celebración nos nenos e nenas participantes, e marcar o momento de peche do curso e de comezo das vacacións, así como de dar cabida a novas experiencias e emocións.
O programa busca marcar un punto e aparte no ritmo diario para que a cativada volva a gozar das persoas que os/as rodean, observar os cambios do seu contorno e fortalecer o seu corpo e mente para poder enfrontarse ás experiencias vindeiras.
A iniciativa lévase a cabo mediante diferentes expresións: tradición, natureza e música e danza. Así, descóbrenselle aos rapaces e rapazas as tradicións propias e foráneas buscando o seu significado cultural; obsérvanse os cambios da natureza despois dos meses fríos; e gózase da música como forma de expresión do estado anímico.
Plan Corresponsables
O programa Xuño Lúdico organízase co amparo do Plan Corresponsables, que ten como obxectivo regular a concesión de subvencións destinadas a desenvolver e financiar actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos no ámbito galego; mellorando a vida cotiá das familias e equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.
En agosto de 2022, o Concello de Ames, a través do departamento de Educación, presentou unha solicitude para a súa participación no programa, posto que o Concello leva anos prestando servizos de conciliación da vida laboral e familiar que abarcan tanto períodos lectivos como non lectivos, para nenos en idades comprendidas entre os 3 anos e os 12 anos. Concretamente, solicitouse a concesión de subvencións ao abeiro deste plan para o servizo de Tardes Divertidas, os programas lúdicos e a escola de verán. En outubro deste mesmo ano, a Secretaría de Igualdade de Xunta de Galicia resolveu conceder unha axuda por importe de 150.000 euros, o importe máximo ao que podía optar o Concello.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Más de doscientos niños participan en el programa Xuño Lúdico"