Pestanas principais

235 padexeiros reúnense na praia de Tapia para participar no XXVI descenso do Tambre

Luns, 15 de agosto de 2011

[15-08-2011] A chuvia que caeu este domingo non impediu que a xente acudise á XXVI edición do descenso do Tambre. Preto de 250 padexeiros pertencentes a 13 clubs galegos competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías. María Carmen Bueno na categoría de mulleres K1, Jonathan Monteagudo en K-1 masculino, David Maquieira en C-1 e Humberto Fernández, en veteranos, foron algúns dos vencedores da xornada. O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado polo concelleiro de Depores, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e pola concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, deron mostra do compromiso do Concello de Ames co deporte, neste caso co piragüismo amiense, e participaron nesta proba a bordo de dous kaiac.


Na categoría sénior masculina, os gañadores foron Jonathan Monteagudo do club As Xubias, na categoría K1, e David Maquieira do club O Muíño, na categoría C-1. Na categoría masculina de veteranos gañou Humberto Fernández do club Muros-Noia e María Carmen Bueno, do club Muros-Noia, en K-1 feminino. Por clubs, o Liceo-Casino de Vilagarcía de Arousa foi o gañador do descenso, que se impuxo ao Club de piragüismo de Cambados e ao Club de piragüismo Penedo.

Por outra banda, na categoría xuvenil masculina K-1 impúxose David Ferreiros do club Muros-Noia, mentres que na categoría xuvenil masculina C-1 gañou Brais Casas do Club Firrrete. Na categoría cadete, na modalidade masculina C-1 gañou Iván Ferro do club as Torres, e na modalidade K-1 impúxose Rubén Rodríguez do Club Liceo-Casino. Mentres nesta mesma categoría pero feminina na modalidade K-1 gañou Nerea Rodríguez, do club piragüismo Rianxo.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, foron os encargados e facer entrega dos trofeos. Para os tres gañadores absolutos do descenso do Tambre (kayak masculino, canoista e kayak feminino) houbo un lote de material deportivo como agasallo.


A praia fluvial de Tapia estivo repleta de xente este domingo, e non precisamente para bañarse. Piragüistas, curiosos e afeccionados, reuníronse a beira do río para celebrar a XXVI edición do descenso do Tambre. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames é xa toda unha referencia para o piragüismo galego.

Preto de 250 deportistas de 13 clubs de toda Galicia participaron este ano na XXVI edición do descenso do Tambre. Na baixada desde a ponte de Portomouro ata a Praia Fluvial de Tapia participaron padexeiros das categorías cadete, xuvenil, sénior e veteranos. Dentro destas categorías competiron un total de 65 padexeiros que tiveron que percorre 6 quilómetros de distancia. Tampouco faltou o circuíto da praia fluvial, reservado ás categorías infantil, alevín e benxamín que percorreron 1.500 metros. Nas categorías de nenos/as participaron un total de 170 padexeiros.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El descenso del Tambre reunió a 235 piragüistas"
El Correo Gallego: "Un total de 250 palistas participaron en el descenso del Tambre en Tapia"