- Tematica
Este pasado sábado, 8 de febreiro, comezou unha nova edición do curso de monitor/a de actividades de tempo libre que organiza a Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ames. Este curso desenvolverase no anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns, ata que rematen as obras no Pazo da Peregrina, durante os meses de febreiro, marzo e abril. Consta de 350 horas de duración (200 horas teórico-prácticas) e 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre. O curso, que está homologado pola Xunta de Galicia, tivo moi boa acollida. Participan 25 mozos/as e hai persoas en lista de agarda.
A Concellaría de Mocidade do Concello de Ames organiza para os vindeiros meses unha nova edición do curso de monitor/a de actividades de tempo libre. Este desenvolverase en fins de semana de febreiro, marzo e abril en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, no anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns. Unha vez rematen as obras de mellora da accesibilidade no Pazo da Peregrina, o alumnado e o persoal docente trasladarse a estas instalacións. O curso tivo moi boa acollida entre a mocidade amesá. Participan 25 mozos e mozas e quedaron persoas en lista de agarda.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, acudiu a primeira xornada onde animou ao alumnado “a aproveitar este curso para formarse na área das actividades de tempo libre”. Ademais, díxolles aos mozos e mozas que “o departamento de Mocidade é un espazo aberto ás suxestións da mocidade, tanto para este tipo de cursos coma para outras actividades que consideren que deben organizarse en Ames”. Tamén lles animou “a participar noutras iniciativas dirixidas á mocidade amesá e que sigan as redes sociais da OMIX para informarse das actividades organizadas para a mocidade”.
O curso, que consta de 350 horas de duración, desenvolverase durante as fins de semana de febreiro, marzo e abril. Ofrecerase unha formación dividida en dous bloques: un primeiro de carácter teórico-práctico de 200 horas e un segundo integramente práctico de 150 horas. A primeira fase desenvolverase principalmente durante os fins de semana, cunha duración de entre 5 e 10 horas, cunha asistencia obrigatoria, xa que o alumnado que non asista a un mínimo do 80% das sesións non poderá ser avaliado pola escola de tempo libre.
Os contidos deste primeiro bloque teórico-práctico estarán relacionados con diferentes disciplinas tais como a psicosocioloxía, a educación ambiental, a organización e recursos, a animación e as súas técnicas, educación para a saúde ou metodoloxía educativa e de tempo libre. A avaliación desta primeira parte basearase, alén de na asistencia, no grao de implicación e no traballo personalizado e individual de cada persoa.
150 horas de prácticas
O segundo bloque, que estará conformado por 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por unha titora ou titor, será realizado ao remate da primeira parte do curso. Este segundo bloque contará con dúas modalidades de realización, a primeira consistirá en 14 días de participación nunha actividade ao aire libre, que se poderán agrupar en bloques non inferiores a tres días, ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. Unha vez completada a primeira parte formativa, o alumando dispón dun prazo de dous anos para facer as prácticas.
Metodoloxía eminentemente práctica
O dinamismo e a participación caracterizarán a metodoloxía que se empregará no curso e que buscará a interacción e a participación do alumnado no seu propio proceso de aprendizaxe. Desta maneira, a metodoloxía terá un carácter eminentemente práctico, co obxectivo de que as persoas asistentes adquiran as competencias necesarias para o desenvolvemento de determinadas actividades. De igual maneira, ao longo do curso, o alumnado tamén recibirá diferente material que lle servirá como apoio didáctico e que complementará os contidos impartidos na aula.
Así, esta formación capacita para deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades socioculturais ou para o tempo libre, orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos deste curso abarcan áreas como psicoloxía, dinámicas de grupo, xogos no tempo libre, expresión, educación ambiental, saúde, lexislación...
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "25 mozos e mozas comezan o curso de monitor/a de actividades de tempo libre que organiza a OMIX de Ames"