Pestanas principais

25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”

Luns, 21 de outubro de 2024

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. A segunda destas xornadas tivo lugar o pasado sábado: unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña na que participaron 25 persoas. A visita estivo guiada por Miguel Ángel Areán, director-xerente da empresa.

A Aula da Natureza propón para os meses de outono “Arredor dos castiñeiros”, unha serie de xornadas sobre o castiñeiro e as castañas. A finalidade desta proposta é amosar que o cultivo de castiñeiros e a comercialización da castaña son actividades rendibles e sostibles que poder contribuír á fixación de poboación no rural. Ademais, búscase manter os cultivos tradicionais do concello de Ames xa que, especialmente na zona norte (nas parroquias de Agrón, Lens, Tapia, Piñeiro e Ameixenda) existe unha arraigada cultura arredor dos castiñeiros.

Despois dunha primeira sesión sobre a selección de plantas, variedades e requerimentos de cultivo, a segunda xornada tivo lugar o pasado 19 de outubro: unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña.

Durante a visita, guiada polo director- xerente da empresa Miguel Ángel Areán, os asistentes coñeceron todas as etapas da elaboración da fariña de castaña, a comercialización en fresco e envasada ao vacío, a liña de conxelados ou o marrón glacé.

Logo dun xantar conxunto, visitaron a vila de Belesar e compartiron conversa cos propietarios dunha adega familiar de Mencía e Godello, que lles trasladaron a súa preocupación pola falta de man de obra para traballar os viñedos, que fixo que nesta campaña quedaran sen recoller miles de quilos de uva.

Programa "Arredor dos castiñeiros"
As dúas xornadas restantes, estruturadas arredor de charlas obradoiro e visitas, estarán impartidas por Miguel Ángel Vázquez de la Mata, xerente de Viveros Castanea Sativa, que conta cunha ampla experiencia tanto no cultivo e xestión dos castiñeiros como na divulgación dos coidados que precisan.

No mes de outubro haberá outra xornada o sábado 26 de outubro no monte escolar de Ames (Trasmonte), de 11:00 a 13:30 horas. Trátase dunha sesión teórico-práctica na que os participantes aprenderán máis sobre a xestión dos soutos, e sobre as podas de formación, saneamento e renovación. As fincas nas que terá lugar esta sesión arderon durante as vagas de lume do ano 2006 e as súas propietarias acordaron co concello que os terreos servisen para realizar practicas modelo de monte sostible. A finca foi plantada durante varios anos polos escolares de Ames e, neste momento, conta con bos exemplares de árbores de diferentes idades nos que se realizarán prácticas de diferentes podas. Ofértanse un total de 50 prazas. Haberá servizo de autobús.

A derradeira xornada terá lugar o sábado 23 de novembro no local social de Piñeiro. Consistirá nun obradoiro de enxertos, que se desenvolverá en horario de 10:00 a 13:30 horas. Ofértanse 30 prazas.

Inscrición
Para participar nas distintas actividades é precisa inscrición previa. As persoas interesadas deben enviar o  formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, indicando a actividade na que se quere participar.

25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”

Multimedia

  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”
  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”
  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”
  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”
  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”
  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”
  • 25 persoas visitaron a empresa Naiciña dentro das xornadas “Arredor dos castiñeiros”