Pestanas principais

250 persoas participaron no Día da Bici en Ames

Luns, 17 de outubro de 2011

[17-10-2011] Ames celebrou esta mañá o día da bici con máis de 250 persoas que quixeron achegarse coa súa bici á área deportiva do Milladoiro para pasar unha mañá entretida facendo deporte. Nesta xornada, organizada pola Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, en colaboración co Club Ciclista Ames, realizouse unha ruta de sete quilómetros pola contorna do Milladoiro. O Concello de Ames regaloulle camisetas a todos os inscritos e na metade do camiño fíxose unha parada na que se ofreceron augas a todos aqueles que o desexasen. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e Xosé Anxo Doval Rey, edil do BNG, tamén participaron coas súas bicicletas nesta entretida xornada que pretende fomentar a práctica deportiva.

O VII Día da Bici celebrouse na área deportiva do Milladoiro, a actividade comezou ás 11.00h da mañá e durou ata preto do mediodía. Os participantes fixeron unha travesía de 7 km para persoas maiores de 7 anos que se desenvolveu por toda a contorna do Milladoiro. Os ciclistas viviron unha viaxe dominical sobre rodas percorrendo a Travesía do Porto, as rúas da Costa Grande, de Pardiñeiros, de Anxeriz, da Curuxa e do Agro da Madalena a Travesía da Madalena e tamén as aldeas de Ventín, Paramuíño, Biduído, As Mimosas e Agrela ata volver ao pavillón deportivo. Os nenos e nenas menores de sete anos puideron facer o seu particular paseo de domingo. Os cativos gozaron da experiencia ciclista nunha ruta de 1 km no que atravesaron o polígono industrial do Milladoiro.

A bicicleta é sempre unha boa opción para o transporte e para o entretemento pois é un medio que non contamina, co que se fai deporte e que resulta entretido. Por iso o Concello de Ames, comprometido coa defensa da natureza e do ambiente, quere facer fincapé nos beneficios deste medio que ademais de ser limpo, favorece a saúde dos seus usuarios e usuarias. Dende a concellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado anímase á práctica deportiva para ter unha vida máis saudable e máis feliz.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bicis también para el otoño"