Pestanas principais

33 empresas participan na sexta edición dos Premios Lingua e Empresa do Concello de Ames

Xoves, 02 de novembro de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementouse en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o xoves, 9 de novembro, ás 20.30h. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Os premios Lingua e Empresa naceron co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Así, ao longo das súas cinco edicións foron recoñecidas e premiadas numerosas empresas do municipio que contribuíron ao emprego e difusión da lingua galega tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela.

Nesta edición, presentáronse e entregáronse os Selos REGA a todas as empresas que participaron nalgunha das edicións anteriores do Premio Lingua e Empresa. Este selo, para colocar nun lugar visible da empresa, ten como obxectivo promover o uso do idioma entre a cidadanía, ademais de identificar, visibilizar e recoñecer publicamente a contribución da entidade na mellora do uso social da lingua.

Incremento da participación
Este ano presentáronse ao certame un total de 33 empresas, unha cifra que incrementa en 7 entidades a participación da edición anterior. A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas concorreron negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participaron empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período.

Nesta edición, na categoría A (uso consolidado da lingua) participan 20 entidades, e á categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 13 empresas. Hai empresas de todo tipo: tendas, salóns de beleza, ópticas, academias, asesorías, productoras audiovisuais, empresas de avogados, etc. A dotación económica será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, o premio inclúe unha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.

Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado está formado por Xisela Delgado Caseiro, de SOMA, Centro de Terapia Integral, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2022; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; Olalla Alvite del Rio, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Fátima Souto Muñiz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.

Este xurado será o encargado de valorar a utilización do galego na comunicación diaria da empresa, tanto oralmente como por escrito. Así mesmo, terá en conta o impacto que a actividade dos negocios poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Gala de entrega dos premios
As empresas gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa o vindeiro xoves, 9 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Amenizará a gala a intervención e a actuación de Manolo Maseda e Xurxo Souto.

Esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor o tecido empresarial local xunto coa lingua galega e servir como recoñecemento e como espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente a lingua na súa comunicación. Ademais, no seu transcurso desvelarase cales son as empresas que o xurado recoñeceu nesta edición e entregaranse os correspondentes premios.

Cartaz da sexta edición dos Premios Lingua e Empresa do Concello de Ames

Multimedia

  • Integrante do xurado: Xisela Delgado Caseiro
  • Integrante do xurado: Miguel López Crespo
  • Integrante do xurado: Olalla Alvite del Río
  • Integrante do xurado: Fátima Souto Muñiz