Pestanas principais

33 integrantes de Special Olympics Galicia percorreron un dos tramos da ruta do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía

Martes, 26 de novembro de 2024

Un grupo de 33 persoas de Special Olympics Galicia percorreron este mes de novembro un tramo de 6 quilómetros da ruta do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía. Esta saída incluíu un percorrido entre os concellos coruñeses de Ames e Negreira, no que tamén participaron a concelleira de Benestar Social, Uxía García, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz. Trátase dunha proposta que se enmarca dentro da oferta de ocio e familia de Special Olympics Galicia e que conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Estas saídas buscan así mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias e nesta ocasión foron un total de 33 participantes das asociacións Aspas de Santiago, Nosa Señora de Chamorro de Narón e Prodeme de Monforte, con dúas persoas de apoio da organización, os que gozaron desta nova saída celebrada neste mes de novembro e que incluíu unha ruta de sendeirismo entre os concellos coruñeses de Ames e Negreira.

Unha saída que foi posible grazas ao apoio do Concello, Protección Civil e Policía Local de Ames e que abarcou uns 6 quilómetros de percorrido por un dos tramos da ruta do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, permitindo aos camiñantes, os cales estiveron acompañados ademais polas concelleiras de Benestar Social, Uxía García, e de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, visitar entre outros lugares de interese desta zona a igrexa de Trasmonte e a aldea de A Ponte Maceira coa súa fermosa ponte medieval sobre o río Tambre.

Special Olympics Galicia, Asociación de Pais, Nais, Profesionais e Amizades de Persoas con Discapacidade Intelectual, é unha organización sen ánimo de lucro creada no ano 2000, que traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o ocio, o tempo libre, a cultura e o deporte.

33 integrantes de Special Olympics Galicia percorreron un dos tramos da ruta do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía

Multimedia

  • 33 integrantes de Special Olympics Galicia percorreron un dos tramos da ruta do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía