- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza a VII edición dos Premios Lingua e Empresa do Concello de Ames, unha iniciativa que pon en valor o uso da lingua galega dentro do ámbito empresarial local. Desta volta, presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023 á que se presentaron 33 entidades, consolidando así estes premios como un incentivo para promover o uso do galego no tecido comercial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará o vindeiro 12 de decembro ás 20.30 na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas categorías o premio é unha contía de 1.500 euros xunto cunha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal. As empresas participantes poden consultarse na seguinte ligazón.
Os premios Lingua e Empresa continúan co seu obxectivo de promover o emprego do galego a diario na actividade económica do Concello de Ames tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela, no tecido empresarial e comercial. Deste xeito, tras seis edicións, os premios consolídanse como unha iniciativa con gran acollida entre as empresas amesás para impulsar e normalizar o uso da lingua galega neste ámbito da vida cotiá, mellorando o uso social do idioma.
Os Premios Lingua e Empresa afiánzanse entre as empresas amesás
A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas presentáronse negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participan empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período.
Este ano, na categoría A (uso consolidado da lingua) participan 25 empresas, mentres que na categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 9 empresas. A contía que se repartirá nestes premios será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Xunto coa dotación económica, o premio inclúe unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
A pesar de que o número total de entidades participantes é semellante ao da edición anterior, aumenta a participación de empresas que xa teñen un uso consolidado da lingua, desta volta 25, con respecto ao ano previo, que foron 20. Reafirmando así a aposta da utilización do galego entre os negocios de Ames.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado está formado por Rosabel Candal Bouzas, de Nós Televisión, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2023; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), como representante de consumidores e consumidoras; Ramón José Cordido Ríos, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Raquel Barbeito Fariña, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.
Os membros deste xurado serán os encargados de valorar a utilización da lingua galega na comunicación diaria da empresa, tanto a nivel oral como por escrito e tamén de forma interna e externa. Ademais, terase en conta o impacto que ten a propia actividade dos negocios en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Gala de entrega dos premios
As entidades gañadoras desvelaranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará o vindeiro 12 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
A gala estará presentada polos integrantes do grupo Os da Ría, recoñecidos por promover e defender o uso da lingua galega desde a música e o humor. Este acto ten como obxectivo darlles difusión a todas as empresas participantes, salientar o activo que supón o uso da lingua galega na actividade empresarial e crear un espazo de encontro e intercambio de experiencias.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ata 34 empresas optan aos galardóns do Concello de Ames por usar o galego"