Pestanas principais

363 nenos e nenas participan na Escola de Verán que deu comezo o luns 3 de xullo

Mércores, 05 de xullo de 2023

Este luns, 3 de xullo, deu comezo unha nova edición da Escola de Verán, que se está desenvolvendo no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Un total de 363 nenos e nenas están a participar no programa de conciliación, unha iniciativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas. A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor das emocións.

A Escola de Verán é un programa de conciliación que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ames no período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Ao abeiro desta iniciativa, os cativos e cativas participan durante os meses de xullo e agosto en diversos xogos e exercicios, a través dos que se busca que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto pola contorna, sempre dende o punto de vista lúdico e creativo.

Nesta ocasión están participando no programa un total de 363 nenos e nenas: 195 no CEIP da Maía, 84 no CEP de Ventín e 84 na EEI do Milladoiro. Ademais, 247 dos cativos e cativas están acollidos ao servizo de comedor, e 115 ao de Bos Días, dúas opcións que se ofrecen ás familias para potenciar a conciliación.

A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor das emocións. Así, búscase dotar aos nenos e nenas de coñecementos e estratexias para que entendan e xestionen as emocións dunha forma óptima ao tempo que aprenden a respectar o estado emocional dos demais, nun clima positivo, para afrontar os distintos conflitos que poidan xurdir.

Deste xeito, a programación do 3 ao 7 de xullo xira arredor do lema “As miñas emocións”, e, con ela, os cativos e cativas están a adquirir estratexias que lles axudan a conectar, expresarse e conducir emocións en torno a si mesmos. Ao longo da semana propoñeránselle actividades para expresar como se senten en distintas situacións, e mostrarán as súas emocións mediante debuxos e xogos.

Durante a semana do 10 ao 14 de xullo, co lema “As emocións fálanme”, pretenderase que a rapazada recoñeza as súas emocións sabendo as causas, e prevendo así as súas posibles reaccións. Levaranse a cabo distintas dinámicas que rematarán co “Teatriño das emocións”, unha actividade para os máis pequenos que consiste en representar historias inventadas onde aparecerán distintas sensacións; e o “Obradoiro de cine mudo” para os maiores, onde a través da mímica se representará o mundo das emocións e se representarán libremente diversas experiencias.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Arranca la Escola de Verán de Ames con 363 participantes"

Actividades da Escola de Verán no CEP de Ventín

Multimedia

  • Actividades da Escola de Verán no CEP de Ventín
  • Actividades da Escola de Verán no CEP de Ventín
  • Actividades da Escola de Verán no CEP de Ventín