- Tematica
Dá comezo o curso escolar 23/24 no concello de Ames, cun total de 3.727 alumnos/as de infantil, primaria e secundaria que inician o curso escolar e a posta en funcionamento de novo dos seus servizos complementarios que tan boa acollida teñen entre os usuarios e usuarias, que volveron a superar os 2.200 usuarios/as sumando todos os servizos de conciliación ou complementarios que oferta o Concello.
Este ano os servizos complementarios do Concello de Ames estarán igual de solicitados que o pasado curso pois entre os servizos de comedor, “Bos días” (madrugadores) e “Tardes divertidas” superaranse de novo os 2.200 usuarios/as.
En canto ao servizo de comedor volve a situarse preto dos 1.500 usuarios/as, “Bos días” ou madrugadores aumentou en 23 usuarios facendo un total de 423 fronte aos 400 do ano pasado. As “Tardes divertidas” mantéñense por enriba dos 200 usuarios/as, actualmente en 202 fronte aos 215 do pasado curso escolar.
Visita aos CEIP de Barouta e Agro do Muíño
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, acompañado da concelleira de Educación, Carmen Porto, estiveron no CEIP de Agro do Muíño neste primeiro día de colexio para visitar as instalacións que neste momento se encontran en obras debido á súa ampliación, que fará posible que 150 alumnos/as máis se incorporen ao centro, xunto coa directora María do Carme Liñares.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou a gran aposta do Concello de Ames pola educación, tal e como se demostra na obra que se está a realizar no centro, a aprobación da licencia de obra para que se leve a cabo antes do ano 2025 o CEIP Milladoiro ou o acordo asinado coa Xunta de Galicia no que se comprometeron a arranxar os baños e a cuberta do CEIP Barouta. García destaca que para este goberno “a educación e a conciliación son unha prioridade”.
A concelleira de Educación, Carmen Porto, que tamén estivo no CEIP de Barouta esta mañá, recordou tamén que antes do inicio deste curso o Concello investiu 46.870 euros en obras de mellora e mantemento dos centros debido “á excepcional necesidade de reformas tanto do interior como do exterior de algúns dos centros”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O curso arranca en Ames con 3.700 alumnos de educación infantil, primaria e secundaria"
Enfoques: "Ames inicia el curso con 3.727 alumnos y 2.200 usuarios de servicios de conciliación"