Pestanas principais

40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate

Xoves, 18 de xaneiro de 2024

Un total de 40 alumnos e alumnas dos institutos amesáns participan nas xornadas de formación que inauguran unha nova edición do Club de Debate. Nestas xornadas, os e as participantes reciben formación en habilidades comunicativas, documentación, argumentación e técnicas de refutación. A primeira xornada impartiuse o 16 de xaneiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra; a segunda realizouse o 17 de xaneiro, no edificio multiusos de Rois; e a terceira e última tivo lugar hoxe, 18 de xaneiro, en Ferrol.

O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos, entre eles o de Ames, en colaboración cos centros de ensino secundario. O 16 de xaneiro comezou unha nova edición do club coa primeira xornada de formación para o alumnado participante. A finalidade destas xornadas é  orientar a práctica de habilidades comunicativas e activar, motivar e ofrecer recursos para a mellora das intervencións orais públicas das mozas e mozos.

Arredor dunha vintena de alumnos e alumnas de Bertamiráns asistiron á primeira xornada en Pontevedra, e outros vinte do Milladoiro participaron na segunda xornada que se celebrou onte no concello de Rois.

Contidos da formación
Os contidos impartidos divídense en dous bloques: habilidades comunicativas e documentación, construción do argumentario e refutación. Cada un deles ten unha duración aproximada de 50 minutos. O alumnado participante dividirase en dous grupos para a asistencia a este bloques; unha vez rematado o primeiro bloque, rotarán ao segundo.

Como novidade, nesta edición vanse elaborar vídeos de formación con recomendacións para mellorar a oratoria do alumnado e para a construción de discursos. Unha vez rematados os bloques de contido, o alumnado volverase dividir nun número determinado de equipos (en función do número de alumnado asistente) para efectuar un simulacro de debate sobre o tema “Débense prohibir os móbiles nos institutos”.

O Club de Debate
O Club de Debate está dirixido a rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades en equipos mixtos e compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros mais a persoa preparadora (docente, PAS…).

Trátase dunha actividade promovida polos concellos de Ames,  Carballo, Ferrol, Narón, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra co que se pretende favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera).

Os contidos que se traballan teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos. Teñen moita importancia no programa o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e do traballo en equipo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Catro equipos de La Salle participan no Club de Debate que Santiago promove con 10 concellos"

40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate

Multimedia

  • 40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate
  • 40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate
  • 40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate
  • 40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate
  • 40 alumnos e alumnas dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro participan na fase de formación do Club de Debate