- Tematica
A Concellaría de Mocidade organizou o pasado sábado, 24 de abril, un descenso de rafting polo tramo do río Ula que se atopa entre Carcacía e Herbón. Esta actividade, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), está incluída no programa Trouleando 2021. Proximamente poderase inscribirse en novas actividades.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mocidade, retomou as actividades do programa Trouleando que, durante o primeiro trimestre deste ano, non se realizaron actividades debido ás restricións aprobadas pola Xunta de Galicia para tratar de facer fronte á pandemia da Covid-19. Deste xeito, para o pasado sábado 24 de abril organizouse unha actividade que conxugaba diversión, deporte e aventura, para gozar dunha xornada diferente e saír da rutina semanal.
40 mozos e mozas de Ames participaron na actividade de descenso de rafting polo tramo do río Ula que se atopa entre Carcacía e Herbón, aproximadamente 5 quilómetros. O rafting é un dos deportes acuáticos máis emocionantes para as persoas que queren descargar adrenalina e pasar unhas horas de diversión. O Ulla, un dos ríos de interior máis emblemáticos para vivir esta aventura, foi o lugar escollido para facer este percorrido que atravesou bosques de ribeira con carballos, ameneiros e salgueiros.
Os/as participantes descenderon nunha gran balsa río abaixo, entre correntes e rápidos, remando en equipo para esquivar rochas e saltos de auga ata chegar a augas tranquilas onde gozar da beleza natural da contorna do río.
A concelleira de Mocidade, escarlata Pampín, destaca que “dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xa se está a pensar novas actividades para que, durante o mes de maio, a xuventude de Ames poida seguir participando en saídas que conxugan diversión, deporte e aventura”.
Novas relacionadas:
Compostela 24horas: "40 mozos e mozas participaron na actividade de rafting polo río Ulla incluída no programa Trouleando"