- Tematica
Uxía Pérez do Playas de Castellón cun rexistro de 17:42 e Pablo Bocelo do Coruña Comarca con 14:57, proclamáronse Campións de Galicia absolutos na XII edición do campionato de Galicia 5K que se levou a cabo en Bertamiráns o pasado domingo. A proba, congregou en Bertamiráns a atletas chegados de toda Galicia e un bo número de visitantes que, xunto coa veciñanza de Ames, asistiu como público ao evento deportivo.
Coa celebración do “XII campionato de Galicia 5K Ruta” Ames converteuse na mañá do pasado domingo na capital do ateltismo galego. 397 atletas federados correron polo circuíto homologado que partiu e chegou á rúa alcalde Lorenzo. O campionato disputouse con saídas escalonadas de dez atletas a intervalos de medio minuto. Ames foi a primeira sede do campionato.
Uxía Pérez do Playas de Castellón cun rexistro de 17:42 e Pablo Bocelo do Coruña Comarca con 14:57, proclamáronse campións absolutos da proba. Xunto eles ocuparon postos de medalla Tina Fernández do Atletismo Sar e Sandra Mosquera do Comesaña na categoría feminina Na masculina destacaron Anxo Castro do A.C. Cerne e Simón Ganzález do Ría de Foz. Cómpre salientar asemade os récords galegos acadados por Hugo Souto na categoría Sub20; Tina Fernández na F35; Domingo Alvarez M70 e Angeles Ripoll na F60. Podes consultar todos os resultados da proba aquí.
“Foi moi gratificante asistir a esta proba e non só polo que supuña ver a preto de 400 atletas federados competindo en Ames, senón tamén porque a celebración deste campionato supón unha especie de volta á normalidade e isto notábase na rúas, notábase a alegría da xente e esas gañas que todos temos de que a actividade deportiva volva a ser o que era antes da pandemia” manifestou a concelleira de deportes Susana Señorís.
A concelleira agradeceu á presenza do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e de Iván Sanmartín “non só pola asistencia ao campionato, senón por todo o apoio recibido con anterioridade para a preparación da proba”. Señorís tamén tivo palabras de agradecemento para os traballadores da Brigada Municipal, a Policía Local, Protección Civil, os clubes de atletismo do concello, Ames Atletismo, Millaraio e Atletismo Sar “que axudaron ao reparto dos dorsais, ao avituallamento e ás marcaxes de saída”. Tamén se lembrou do técnico de Deportes Alberto Viaño “que non parou en toda a mañá, logo dunha semana verdadeiramente intensa…”, de Terio Carrera que fixo de animador da proba, do fotógrafo Víctor Hugo e do alcalde Blas Garcia e compañeiros de Corporación que acudiron á proba e compartiron no podium a entrega de medallas. Rematou A concelleira de deportes o capítulo de agradecementos facendo alusión aos 397 inscritos no campionato: “xa que sen a súa participación e ilusión está proba non se podería ter levado a cabo”.
Novas relacionadas
Revista AmesGO: "Domingo de atletismo en Bertamiráns"