- Tematica
O pasado 18 de decembro rematou o obradoiro de programación de videoxogos e electrónica, organizado pola Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC). A actividade tivo unha grande acollida, pois nos primeiros días de inscrición cubríronse todas as prazas ofertadas.
A Aula AMTIC, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, acolleu durante a última semana de novembro e mailo mes de decembro un obradoiro de programación de videoxogos e electrónica con Arduino. A actividade impartiuse en dúas quendas: a primeira, impartida o 27 de novembro e o 4 de decembro, estivo dirixida a nenos e nenas de 8 a 10 anos; a segunda, dirixida a rapaces e rapazas de 11 a 14 anos, impartiuse o 11 e o 18 de decembro.
Na primeira parte do obradoiro, os participantes crearon o seu propio videoxogo con BLOXELS, unha plataforma de deseño de videoxogos que permite crear todo tipo de niveis, personaxes e aventuras, apto para todas as idades. Despois puideron experimentar cos seus propios videoxogos.
Na segunda parte, adicada á electrónica, programaron con Arduino, unha plataforma de creación de electrónica de código aberto baseada en hardware e software libre, flexible e fácil de usar. No caso dos máis pequenos, programaron o movemento duns robots, mentres os máis maiores programaron placas con luces de led, así como as luces dunhas árbores de Nadal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Rapaces aprenden a crear videoxogos en Milladoiro e os de Padrón a aplicar a intelixencia artificial"