- Tematica
Este martes, 1 de setembro, comezou unha nova edición do Setembro Lúdico con 58 participantes. A través deste programa trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa lúdico estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín. Para o desenvolvemento de dito programa estase seguindo un protocolo de seguridade que, entre outras medidas, divide aos rapaces e rapazas en grupos de 15 usuarios/as como máximo, xunto con dous/dúas monitoras. Estes grupos de nenos/as están nunha parte específica das instalacións do centro educativo e non se mesturan cos usuarios/as do resto de grupos.
O Setembro Lúdico conta este ano coa participación de 58 nenas e nenos, dos que 31 acoden ao CEIP da Maía; 15 a EEI do Milladoiro e 12 ao CEP de Ventín. Ata o 9 de setembro, os/as nenos/as inscritos/as están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.
Este ano no Setembro Lúdico dáselle continuidade a temática traballada na Escola de Verán. Deste xeito, os nenos e nenas están realizando actividades relacionadas coas emocións e coa igualdade. Participan en xincanas de emocións e de orientación, xogos musicais e deportivos, saídas pola contorna máis próxima, etc. Nesta edición do Setembro Lúdico, ao igual que na escola de Verán, os monitores e monitoras danlle moita importancia ao aspecto psicolóxico e a que os nenos e nenas expresen as súas emocións, algo que indican que é moi importante despois do confinamento vivido durante o estado de alarma.
Para o desenvolvemento de dito programa estase a seguir un protocolo de seguridade. Os/as participantes están divididos/as en grupos de máximo 15 persoas máis dous monitores. Cada grupo traballa de xeito individual e ten o seu espazo propio, sen contacto estreito co resto de grupos durante as diferentes accións, sen prexuízo das pertinentes rotacións que se realizan para que todos os grupos poidan desfrutar de todas as actividades programadas. Deste xeito, cada grupo ten a súa propia aula, baño e patio exterior nos centros educativos onde se desenvolve o Setembro Lúdico.
Ademais, tamén se adoptan medidas de hixiene nas actividades impartidas, xa que o material que se emprega límpase con líquido hidroalcólico. Tamén se adoptan medidas de distanciamento social no comedor, xa que cada neno/a mantén unha distancia de 1,5 metros co seu compañeiro/a. Os rapaces e rapaces están sentados nunha mesa redonda, para que poidan seguir mantendo o contacto cos seus compañeiros durante a hora do xantar, pero gardando a distancia de seguridade.
Balance da Escola de Verán
Por outra banda, cómpre salientar que este pasado luns, 31 de agosto, rematou a Escola de Verán, que este ano se desenvolveu no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena do mes de agosto participaron 82 nenos e nenas nas actividades deste programa de conciliación, mentres que na segunda quincena de agosto a participación foi de 81 rapaces e rapazas. En total, durante o mes de agosto a participación foi de 163 nenos e nenas.
O programa deste ano da Escola de Verán centrouse en dotar á infancia das ferramentas socioemocionais necesarias para afrontar a situación actual cunha actitude de respecto ás diferenzas, coeducativa, solidaria, saudable e consciente do seu papel na preservación do noso ecosistema para asegurar un futuro de benestar onde non se deixe a ninguén atrás. Baixo a premisa “coñecer para conservar” pretendeuse que os nenos e nenas participantes no programa entenderan como funciona o seu contorno máis próximo: a sociedade, o agro, a economía…
Cora, un pequeno corazón curioso e inquedo, foi a mascota que acompañou aos nenos e nenas neste verán. A escolla deste símbolo respondeu aos tres piares que describen a programación da Escola de Verán 2020: as emocións, a vida e o ritmo. Tamén a escolla desta icona vén representar a importancia dos servizos públicos da saúde que, como se veu reflectido nestas últimas semanas, foron de vital relevancia para saír desta anómala situación. A campaña “Pinto un corazón verde” creada pola plataforma #PlanDeChoqueSocial, composta por varias organizacións entre as que destaca “Ecoloxistas en Acción”, usou un corazón verde para esixir unha sanidade pública, universal e de calidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Case sesenta rapaces da Maía no concilia Setembro Lúdico 2020"