Pestanas principais

64 equipos participan en Bertamiráns dunha nova edición do Torneo de Fútbol Base Ames Cup

Mércores, 12 de abril de 2017

[12-04-2017] O Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha nova edición do Torneo de Fútbol Base Ames Cup, que terá lugar no campo municipal de Bertamiráns, entre o xoves 13 e o sábado 15 de abril, de 9:00 a 22:00 horas. Preto de 1.000 nenos e nenas de 64 equipos, con idades entre os 6 e os 11 anos, participarán da festa do fútbol base en Ames nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. O equipo anfitrión, o Bertamiráns FC, estará representado con 11 equipos. A organización calcula que a celebración da Ames Cup achegará durante os próximos tres días a 2.500 persoas a Bertamiráns.

O torneo disputarase na modalidade de fútbol 8, para o que se habilitarán dous campos de xogo ao ancho do Municipal. O xoves realizarase a competición da categoría benxamín, na que participarán 24 equipos. O Bertamiráns competirá con catro equipos e medirase a rivais como o Conxo, Noia, Negreira, Xuventude de Oroso, Dubra, Val do Ulla, At. Fátima, Esteirana, San Mamed, San Lorenzo, Xallas, Boiro, Amio, Silleda, Ural, Calasanz e A Estrada. Os dous mellores equipos dos sete grupos e dous terceiros clasificados disputarán a fase final con eliminatorias directas, mentres que o resto dos equipos xogarán o torneo de consolación.

O venres será o turno dos máis pequenos/as na categoría prebenxamín. 16 equipos competirán en 4 grupos dos que os dous primeiros de cada un pelexarán polo título. Os outros oito equipos xogarán o torneo de consolación. O Bertamiráns FC competirá con 3 equipos xunto ao Negreira, Estrada, Boiro, Atl. Fátima, Calasanz, Ural, San Mamed e Val do Ulla.

O último día, o sábado 15, será a quenda da categoría alevín. O Bertamiráns FC estará representado por catro equipos e medirase a rivais como o Conxo, Amio, Victoria, Xuventude Oroso, Estrada, San Lorenzo, Esteirana, Boqueixón, Taragoña, Xallas, Noia, Victoria, Sálvora, Atl. Fátima, Tordoia e Silleda. Os dous primeiros clasificados de cada un dos oito grupos clasificaranse para a fase final, na que se saberá o campión logo das eliminatorias directas.

Todos os partidos terán unha duración de dous tempos de 12 minutos cada un, excepto nas finais, onde cada parte terá unha duración de 15 minutos.