Pestanas principais

70 actividades compoñen a programación de Outono en Ames

Martes, 15 de outubro de 2024

As instalacións da Aula da Natureza, na parroquia da Ameixenda, foron os escenario escollido esta mañá para presentar a programación de Outono de Ames. Composta por teatro, cine, maxia, saídas ambientais, actividades para mocidade ou actividades de animación á lectura entre outros, a oferta de outono destaca polo número de propostas e pola cooperación entre distintos departamentos municipais.  Premendo nesta ligazón pódese obter a programación ao completo.

Está mañá foi presentado na Aula da Natureza, na Ameixenda, o programa de actividades para os meses de outono. Nesta programación, composta por un total de 70 propostas, destacan a XXIII Carreira Pedestre Popular, o Festival de Maxia, o Cinema Miúdo, as celebración do mes da Ciencia e do mes contra as Violencias de Xénero, a Gala Galetiktokers ou a feira “Tanto Monte, Monte Tanto”. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís; e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, que destacaron a variedade do programa e a transversalidade na organización de moitas das actividades.

O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “mantemos todos os programas e actividades que funcionan moi ben como poden ser as noites de cine de outono, o certame Galetiktokers, o festival de maxia, Cinema Miúdo...; pero ademais creamos novas iniciativas como o festival de teatro afeccionado, que se pon en marcha grazas á Escola municipal de teatro, e maila Semana da Música. Outra das novidades que recolle a programación de outono é a actuación dun músico moi coñecido e prestixioso como é o cantautor Luis Fercán, que é veciño de Ames e actuará na Semana da Música”.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destacou que “unha parte importante desta programación está enfocada en actividades exteriores como son as saídas para recoller cogomelos, as camiñadas teatralizadas, as andainas de SaudeAndo ou do Camiño de Santiago A Orixe. Ademais, imos a organizar outro tipo de obradoiros de interior, como é o obradoiro de elaboración de chourizos, xa que moitos nenos e nenas descoñecen como se elabora este produto tan noso, e haberá algunha sorpresa que iremos desvelando nas vindeiras semanas”.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou que “dentro desta programación seguimos apostando polo fomento do deporte e dos hábitos saudables coas rutas do Camiño de Santiago desde o Barbanza, que levamos facendo en varias etapas, e que estamos a piques de finalizar. Neste senso xa estamos pensando en facer unha nova ruta por etapas, xa que é unha actividade moi demandada pola veciñanza, porque é unha iniciativa que lles permite socializar e despexar a cabeza. A práctica deportiva é necesaria e camiñar é un bo xeito de comezar a facer deporte”. Por último apuntou que “se está traballando na organización dunha gladiator race dirixida aos rapaces e rapazas”.

Andainas saudables
A programación comezou o pasado 3 de outubro, coa primeira das doce andainas saudables que haberá ao longo do outono. Estas andainas forman parte do programa SaudeAndo, que este ano inclúe un total de 39 andainas.

No Milladoiro haberá andainas nos días 17 e 31 de outubro; 14 e 28 de novembro e 12 de decembro. Pola súa banda, Bertamiráns contará con saídas os días 10 e 24 de outubro; 7 e 21 de novembro; e 5 e 19 de decembro.

Todas as andainas comezan os xoves ás 17:30 horas nos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro.

Actividades do programa Apego
A programación do Apego non se detén durante os meses de outono. Despois dun comezo de curso ateigado de actividades, estas continúan en outubro con cinco propostas máis. A primeira será o espectáculo de circo e malabares “Con lingua propia” con Peter Punk, o venres 4 en Bertamiráns. O venres seguinte, o día 11, O Milladoiro acolle a proposta “Cantaxoga”, de Migallas Teatro. Xa o venres 18, Bolboreta e Fabaloba chegarán a Bertamiráns a proposta de narración oral “U-lo mar?”. Outubro rematará en Bertamiráns co espectáculo “Contos con susto para durmir con gusto”, de Vera Rilo e Sonsoles Penadique.

No mes de novembro desenvolveranse tres propostas. O venres 8, Paco Nogueiras levará o seu “Son animal” ao Milladoiro. Finalmente, Danzacontos chegarán tamén ao Milladoiro con “A marabillosa viaxe da pinga Pingona”.

Xa en decembro, para pechar a programación terá lugar a xa clásica visita do Apalpador a Ames, que este ano chegará ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, cargado de contos e cantos e cun agasallo máxico nacido na Serra do Courel, o venres 13 de decembro.

Aula da Natureza
Co fin de difundir o curioso mundo dos fungos e de amosar as paisaxes de Ames, a Aula da Natureza organiza tres saídas didácticas polos montes do concello. Ademais, durante a celebración da feira Tanto Monte / Monte Tanto farase unha exposición e degustación de cogomelos. O obxectivo é chegar ao maior número de persoas polo que as saídas realizaranse os sábados e domingos en horario de mañá ou de tarde.

A primeira saída tivo lugar o pasado 6 de outubro. O domingo 3 de novembro haberá unha nova saída, en horario de 11:00 a 18:00 horas. A última saída será o sábado 23 de novembro cunha saída de 10:00 a 14:00 horas. Durante esa fin de semana, os días 23 e 24 de novembro, farase unha exposición e degustación destes cogomelos na feira Tanto Monte / Monte Tanto.

O sábado 19 de outubro organízase a actividade “Estrelas de outono”, na que a veciñanza de Ames terá a oportunidade de avistar o cometa C/2023 A3 (Tsuchinshan-ATLAS), a constelación das Pléiades e a lúa.

Xa no mes de novembro, o sábado 16, os máis pequenos da casa poderán desfrutar dun obradoiro de elaboración artesanal de chourizos. Xa para rematar outubro, o día 30 haberá un obradoiro de preparación do Nadal de xeito natural, dirixido a público adulto, no que se ensinará como elaborar encurtidos e escabeches.

Dentro da programación de outono tamén se inclúe unha ruta teatralizada polas Fragas do Tambre o domingo 17 de novembro. O percorrido, de 4 quilómetros, arrancará na aldea de Oca e discorrerá pola capela do Corpiño e preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. Ao remate serviranse uns petiscos saudables. Os participantes terán servizo de bus.

Por outra banda, estase a traballar na organización da cuarta edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que está prevista para os días 23 e 24 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento co que se pretende valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Haberá expositores de mel, cogomelos, aceite, embutidos, cestería, noces, castañas, froitos do bosque... e unha gran variedade de produtos que nos ofrece o monte. Para participar na feira non é preciso inscribirse e está aberta a todos os públicos.

Finalmente, durante o mes de decembro, co obxectivo de preparar o Nadal, a Aula da Natureza propón dous obradoiros. O primeiro deles, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, será o sábado 7 e nel a rapazada aprenderá a elaborar bonecos de madeira. Tamén haberá espazo para os adultos, cun obradoiro de candeas aromáticas vexetais o sábado 14 de decembro.

Animación á lectura e obradoiros
Desde o departamento de bibliotecas, neste mes de outubro deron comezo as sesións de animación á lectura para os máis pequenos.

“Animais que mudan” foi a proposta do departamento para o mes de outubro. Trátase de seis sesións de contacontos para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos que se desenvolveron os días 8, 9 e 10 de outubro na biblioteca de Bertamiráns e os días 15, 16 e 17 na biblioteca do Milladoiro.

A proposta do mes de novembro será “Contos montruosos”, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 en Bertamiráns e o 26, 27 e 28 de novembro o Milladoiro. Xa en decembro as sesións “Nadal entre contos” terán lugar o 3, 4 e 5 en Bertamiráns e os días 17, 18 e 19 no Milladoiro.

Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:00 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns. O mes de outubro comezou cun “Obradoiro de cómic” da man de Santy Gutiérrez, que se celebrou o sábado 5 en Bertamiráns.

Co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, o taller literario “O meu caderno de lecturas” terá lugar o venres 25 no Milladoiro e o sábado 26 en Bertamiráns. Xa no mes de novembro, con motivo do Día Mundial da Ciencia que se celebra o 10 deste mes, as bibliotecas municipais acollerán o obradoiro “Autos Tolos”, centrado na robótica e a electrónica, o venres 15 no Milladoiro e o sábado 16 en Bertamiráns

Para concluír o ano, en decembro terá lugar un obradoiro de manualidades de Nadal, que se celebrará o venres 13 no Milladoiro e o sábado 14 en Bertamiráns.

Teatro, música e cine
Tras os meses estivais, a Concellaría de Cultura volve a poñer en marcha a súa oferta de artes escénicas para o último trimestre do ano. Desta volta, inclúe dous espectáculos para público adulto e un para público infantil.

A primeira obra, dirixida a público infantil, é “Geometría del alma”, de Teatro Plus, que chegará á Casa da Cultura do Milladoiro o 18 de outubro ás 18:00 horas. A segunda das obras desenvolverase tamén o 18 de outubro. Trátase de“Go Home”, da compañía Etiqueta Negra, que pasará polo auditorio de Bertamiráns ás 20:30 horas. Por último,“Testosterona”, de Malasombra Produccións, chega ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 29 de novembro, ás 20:30 horas.

Ademais, do 5 ao 8 de decembro, o concello acollerá unha Mostra de Teatro Afeccionado. Elaborarase un programa específico que se anunciará proximamente.

A música tamén terá o seu espazo neste outono. O Concello de Ames, a través da Escola Municipal de Música, organiza un novo concerto na Casa da Cultura de Bertamiráns. Terá lugar o sábado 19 de outubro, ás 19:00 horas, e nel interpretaranse tres pezas: a obertura Coriolan en Dom Op.62 de Beethoven, un popurri para viola e orquestra Op. 94 de Hummel, e a oitava sinfonía en ReM Op. 26F de Schubert.

Así mesmo, o sétimo arte ten un oco nesta programación a través da iniciativa “Cine Outono”, que recolle a proxección de tres filmes na Casa da Cultura do Milladoiro durante o mes de novembro, sempre ás 20:00 horas. A primeira será “As Neves”, o día 12; de seguido chegará “Cuñados” o 19 de novembro; e pechará o ciclo o filme “Os espazos en branco o día 26.

XIX Festival internacional de Maxia
O Festival internacional de Maxia de Ames volve un ano máis cunha programación que incluirá espectáculos e obradoiros para todos os públicos durante os días 25, 26 e 27 de outubro. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames, que conta co apoio da Deputación da Coruña, incluirá iniciativas como espectáculos de maxia para bebés, maxia para os maiores ou a gala máxica internacional. Tamén se celebrarán obradoiros dirixidos a cativos e maiores

VII Festival Cinema Miúdo
O festival internacional de cinema infantil de Ames celebrará a súa sétima edición entre o 14 e o 17 de novembro, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O certame está xestionado por terceiro ano pola entidade cultural galega Abella Producións, que desvela hoxe o cartel e temática deste ano: os pioneiros do cinema.

A temática será transversal a moitas das actividades do festival. A través de proxeccións, unha exposición e actividades interactivas, a cativada terá a oportunidade de explorar a maxia do cinema desde os seus inicios. Ao mergullarse no legado dos pioneiros da sétima arte, as nenas e nenos de Ames aprenderán sobre técnicas cinematográficas e desenvolverán un sentido de apreciación pola arte e a narrativa visual

Celebración do día de Santa Icía
Co gallo da celebración da Santa Icía, patroa dos músicos, do 20 ao 24 de novembro o concello encherase de música con distintas propostas. O mércores 20, a Escola Municipal de Música dará comezo á celebración cun concerto no auditorio do Milladoiro. Ao día seguinte, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a actuación do músico Luis Fercán. O venres 22 de novembro, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo de tango “Azúcar, Pimienta y Sal”

Xa durante a fin de semana, o sábado 23 a coral da terceira idade de Vedra chegará ao auditorio de Bertamiráns, onde tamén actuará o músico Anxo Gómez Piñeiro o domingo 24.

Actividades deportivas
A pasada fin de semana o Concello de Ames organizou, co control técnico da Federación Galega de Atletismo, a primeira edición do Cros Concello de Ames. O evento deportivo comezou ás 11.00 horas coa disputa do Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto. A continuación, disputáronse as probas sub 18, sub 16, sub 14, sub 12 e sub 10, femininas e masculinas.

O deporte continúa presente esta semana coa celebración da XXIII Carreira pedestre popular do Concello de Ames, o domingo 20 de outubro en Bertamiráns e na súa contorna. A proba contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo.

Para pechar o ano o 22 de decembro, disputarase a décimo sétima edición da Carreira Ciclista do Pavo de Ames, un circuíto urbano, localizado nos arredores do paseo fluvial de Bertamiráns.

Programación de Nadal
Esta programación comezará o sábado 7 de decembro co acto de acendido das luces de Nadal, que se celebrará na Casa do Concello, en Bertamiráns, ás 18:00 horas.

O sábado 15 de decembro, ás 19:00 horas, haberá un concerto de Nadal no Auditorio de Bertamiráns no que actuarán diversos grupos de baile e música tradicional do concello. Ademais, Ames recibirá a visita de Papá Noel, que recibirá aos máis pequenos o sábado 21 en Bertamiráns, e o luns 23 no Milladoiro. Así mesmo, do 20 ao 22 de decembro celebrarase un Mercado de Nadal nas rúas de Bertamiráns

O día 31 de decembro celebraranse, unha vez máis, as prebadaladas de Fin de Ano, na Praza do Concello, a partir das 12:00 horas.

Outras iniciativas
O luns 21 de outubro, ás 17:00 horas, inaugurarase na Casa da Cultura do Milladoiro a exposición fotográfica solidaria “EspadELA”. Trátase dunha iniciativa da cooperativa Arabías, con retratos da boirense Charo Lopes, que supón o punto e final de EspadELA, 8Escola de Apoderamento Feminista) un proxecto nado en 2018 para fomentar a participación das mulleres na vida comunitaria.

Durante o mes de novembro, con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, o venres 22 celebrarase a XIV Xornada contra a Violencia de Xénero. Neste mes tamén terá lugar a Gala Galetiktokers, na que se entregarán os premios aos gañadores da quinta edición do certame. Será o sábado 23 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Pechará o mes o evento LabClass “Inventa a túa comunicación”, organizado pola empresa Escuela Inventa o día 29 de novembro ás 16:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

En decembro celebrarase a II Gala da Diversidade o domingo 1 no auditorio de Bertamiráns, e o xoves 12 entregaranse os Premios Lingua Empresa no auditorio do Milladoiro.

70 actividades compoñen a programación de Outono en Ames
Descargas: 

Multimedia

  • 70 actividades compoñen a programación de Outono en Ames
  • 70 actividades compoñen a programación de Outono en Ames
  • 70 actividades compoñen a programación de Outono en Ames