Pestanas principais

8 mozas e mozos participan este verán no programa de Voluntariado Xuvenil da OMIX

Luns, 13 de xuño de 2016

[13-06-2016] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames desenvolve este verán, por terceira vez, un programa de voluntariado xuvenil. Del participarán oito mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. O equipo colaborará na organización de distintas actividades municipais, como é o Campamento urbano da Aula da Natureza. Ao remate do voluntariado recibirán un diploma certificado de educación non formal.

Este programa enmárcase na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é a promoción de actividades que favorezan o desenvolvemento persoal e profesional das mozas e dos mozos que participen, ao mesmo tempo que eles e elas contribúen a mellorar a calidade vida da comunidade.

Os oitos voluntarios e voluntarias terán entre 16 e 30 anos. Eles e elas axudarán colaborando con actividades como o citado Campamento urbano da Aula da Natureza. Serán os e as encargadas de colaborar no deseño, programación, execución e avaliación das actividades do campamento, sempre supervisados e en contacto cos e coas responsables da OMIX e da propia Aula da Natureza. Acompañarán a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos inscritos no campamento, que terá lugar entre os días 4 e 15 de xullo en horario de 16:00 a 20:00 horas. Tamén traballarán pola mañá, en actividades de organización. O campamento foi concibido para que os rapaces e as rapazas de Ames pasen tardes divertidas á vez que educativas na época de verán, a través de obradoiros, xogos e excursións sempre conectados co medio ambiente e a natureza.

A través deste programa búscase apoiar a participación xuvenil da mocidade, reforzar o seu compromiso coa comunidade e formalos en actividades relacionadas co lecer e o medio ambiente. Isto último potenciará a súa capacitación e formación de cara a futuras oportunidades educativas ou laborais. O traballo realizado contribúe a aumentar as súas posibilidades laborais, ao valorarse positivamente as labores de voluntariado. O voluntariado fomenta ademais a creación de lazos sociais, o traballo en equipo e a interrelación entre iguais. Ao remate do programa de voluntariado as persoas participantes recibirán un diploma expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ocho jóvenes voluntarios para actividades estivales en Ames"