Pestanas principais

Aberta a inscrición para o obradoiro sobre redes sociais aplicadas ao deporte ata o 11 de outubro

Sábado, 06 de outubro de 2018

[06-10-2018] O Concello de Ames pon en marcha o vindeiro 15 de outubro un obradoiro gratuíto de aproveitamento das plataformas dixitais Facebook e Instagram, dirixido a clubs e escolas deportivas. A través deste taller buscarase non só aproveitar as posibilidades que ofrecen as redes sociais para o ámbito deportivo, senón tamén aprender a crear comunidade a través delas e a fomentar o uso do galego para chegar de forma eficaz á mocidade. A inscrición, cuxo prazo remata o xoves 11, debe realizarse enviando un correo ao enderezo electrónico deportes@concellodeames.gal, no que se indique teléfono de contacto, nome do club, nome e apelidos dos asistentes, e as súas funcións no club.


O deporte e as redes sociais convertéronse, nos últimos anos, en dous dos ámbitos nos que a rapazada se mostra máis activa. Así, as RR.SS. eríxense como o mellor escaparate para os clubs e as escolas deportivas, ao tempo que funcionan como unha das mellores ferramentas para establecer canles coa sociedade e, en especial, coas familias e a mocidade.

Por este motivo, o Concello de Ames, a través das Concellarías de Deportes e Normalización Lingüística, organiza o obradoiro O deporte tamén xoga nas redes sociais. A través de este taller, que comeza o vindeiro 15 de outubro, preténdese ofrecerlle aos clubs e escolas deportivas as ferramentas necesarias para aproveitar as posibilidades que ofrecen Facebook e Instagram cando se aplican ao ámbito deportivo. Así, os participantes aprenderán a crear comunidade a través das redes sociais, ao tempo que fomentan o uso do galego neste feedback que se establece coa mocidade.

Con estes obxectivos, durante o curso de nove horas de duración, os participantes aprenderán a crear e usar o Facebook e o Instagram coa máxima rendibilidade, para o que tamén coñecerán ferramentas de produtividade e monitorización. Asemade, axudaráselles a mellorar o estilo de redacción co obxectivo de que a súa comunicación sexa máis efectiva, e mostraránselles exemplos de casos de éxito e referentes no ámbito do deporte galego.

De esta maneira, as escolas deportivas e clubs poderán trasladar ás redes sociais o espazo de socialización que supón para os nenos e nenas o deporte. Así, engadiranse canles para a difusión dalgúns dos aspectos positivos do deporte, como son a adquisición de valores transversais á educación, a maiores dos valores como o esforzo, respecto constancia, solidariedade... ao tempo que se favorece a dinamización da lingua galega entre a rapazada e as familias, no que os equipos directivos e os monitores teñen un papel decisivo como referentes dos rapaces e e das rapazas.

Como inscribirse
Este obradoiro de aproveitamento das plataformas dixitais impartirase, de forma gratuíta, os luns e mércores da última quincena de outubro (días 15, 17, 22, 24, 29 e 31), en horario de 20.00 a 21.30 horas, no Pazo da Peregrina en Bertamiráns. Os interesados poderán inscribirse neste taller mediante un correo ao enderezo electrónico deportes@concellodeames.gal antes do 11 de outubro, no que deben indicar teléfono de contacto, nome e apelidos dos asistentes, así como o club e as funcións que desempeñan os inscritos. Poderase recibir máis información a través do teléfono 662 377 215, de luns a venres en horario de 9.00 a 15.00.

A acreditación da realización deste obradoiro, ao que se recomenda acudir con ordenador portátil para aproveitar mellor as sesións, será tida en conta na puntuación que se lles achega aos clubs e ás escolas deportivas para o fomento do uso do galego na convocatoria de subvencións a clubs deportivos do Concello de Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Obradoiro amesán de balde sobre as redes para clubs"