- Tematica
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a III edición do “Trail e Andaina Ribeiras do Tambre”, que se desenvolverá o próximo 20 de febreiro. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira. Cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. Para participar é necesario inscribirse en carreirasgalegas.com ou en emesports.es. O prazo remata o 16 de febreiro ás 23:59 horas. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.
Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros aproximadamente. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro.
Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros.
Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub até o punto de saída en Ponte Maceira, a partir das 8:30 horas.
Categorías e recollida de dorsais
No trail haberá varias categorías: sénior masculino e feminino (persoas que teñen 18 anos cumpridos o día da proba), máster 1 masculino e feminino (persoas de 35 a 40 anos), máster 2 masculino e feminino (persoas de 41 a 49 anos), máster 3 masculino e feminino (persoas de 50 ou máis anos) e absoluta masculino e feminino (calquera das categorías anteriores).
Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina é de 10 anos cumpridos o día da proba.
Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.
Premios e agasallos
Outorgaranse premios para as tres primeiras clasificadas de cada categoría, ademais de premios aos tres primeiros locais empadroados no Concello de Ames, ás tres primeiras socias do Real Aeroclub de Santiago e aos 3 primeiros clubs da clasificación do trail. A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12:30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.
En canto aos equipos, darase trofeo aos tres primeiros, tanto federados como populares, xunto cun premio metálico aos cinco primeiros equipos da clasificación do trail. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo, os cales poden ser mixtos. Haberá unha dotación de 150 euros para o primeiro equipo clasificado, 125 euros para o segundo, 100 para o terceiro, 75 para o cuarto e 50 euros para o quinto equipo clasificado.
Ademais, entregaranse agasallos técnicos como premio á participación tanto para os deportistas que se apunten ao trail como para os que participen na andaina. Estes agasallos recolleranse xunto ao dorsal de competición antes de coller o autobús.
Protocolo COVID e regulamento
Aplicarase o protocolo COVID-19 vixente o día da proba, feito que será comunicado previamente por correo electrónico a todos e a todas as participantes. A proba poderá ser suspendida ou alterada se as circunstancias sanitarias así o aconsellan.
Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.