- Tematica
Desde a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, tamén se pode consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.
O Certame Literario de Ames superou as dúas décadas de lonxevidade como unha das iniciativas culturais máis consolidadas no concello. O concurso serviu como plataforma de despegue de numerosas escritoras e escritores, que recibiron un impulso inicial gañando este certame. Un ano máis o obxectivo volve ser a promoción da creación literaria en lingua galega, vista como un xeito de reforzar o proceso de normalización lingüística.
Para estes días de descanso de Semana Santa, sentarse a escribir é unha boa opción para deixar voar a imaxinación. Por iso, dende o Servizo de Normalización Lingüística animan a veciñanza a presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega.
O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á rapazada de entre 14 e 17, e a terceira está dirixida ás persoas de 18 anos ou máis. Deste xeito, outorgaranse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as dúas modalidades e, ademais, editarase un libro recompilación con todos os textos premiados.
O xurado estará composto por tres persoas do ámbito literario. Ademais, haberá un/unha responsable municipal que actuará como secretario/a. Deste xeito, á hora de valorar as creacións recibidas, o xurado terá en conta os seguintes criterios: técnica, orixinalidade, calidade lingüística e literaria, composición, cohesión, contido e estrutura da obra e outros valores artísticos que resalten nos textos presentados.
A decisión final do xurado anunciarase de maneira pública o 10 de xuño e a entrega de premios terá lugar o día 14 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro.
Bases do certame
O prazo para enviar os textos, inéditos e en galego, remata o 30 de abril. As persoas participantes mandarán catro exemplares do texto, escritos con interliñado a 1.5 e con tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50. Pódese consultar a bases completas do certame na seguinte ligazón.
É requisito imprescindible que as obras se presenten baixo un pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade escollida (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.
Os datos persoais e a documentación requirida das autoras e autores introduciranse nun sobre pechado. Para achegar estes datos cubrirase a ficha de participación que pode descargarse na seguinte ligazón ou solicitarse no enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. As persoas menores de idade deben tamén achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado, coa documentación requirida e a ficha de participación cuberta e asinada, xunto coas catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande deberá figurar tamén a modalidade, a categoría e o pseudónimo.
O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.
Premios
Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os e as participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os/as participantes de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta, o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.
Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.