- Tematica
O vindeiro 9 de abril, ás 19:00 horas, Fran Sieira compañía de danza impartirá na Casa da Cultura do Milladoiro a actividade “Bailar Ceibe”, un obradoiro práctico para achegar ao público as artes do movemento. Xa se cubriron todas as 20 prazas ofertadas.
Dentro do programa de residencias artísticas do Concello de Ames, Fran Sieira compañía de danza realizará un obradoiro práctico para achegar ao público as artes do movemento. Esta actividade terá lugar o 9 de abril, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Cunha duración de 90 minutos, neste obradoiro búscase experimentar desde o movemento normativo que xeran os nosos corpos, analizando tamén canto dese movemento está condicionado polos estereotipos de xénero tradicionais. A partir destes movementos crearase unha práctica tanto individual como colectiva para tratar de desligarse deses clixés e crear así distancia coa normatividade a través dun movemento máis libre e amable co corpo.
Trátase dunha práctica aberta a todo tipo de público maior de 14 anos e para a que non é necesario ter ningunha noción previa sobre danza. Será preciso acudir con roupa cómoda e preparada para moverse polo escenario en calcetíns. As 20 prazas ofertadas xa foron cubertas.
Espectáculo de danza “Ceibe”
O venres 12 de abril, ás 20:30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a representación do espectáculo de danza"Ceibe" da man da compañía de danza de Fran Sieira. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Trátase dun espectáculo de danza tradicional que afonda na relación entre os roles de xénero e a nosa tradición. “Ceibe” traballa sobre o xénero e as súas formas de operar en diferentes ámbitos do día a día, incluíndo unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional.
O obxectivo é entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. No espectáculo reflexiónase sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente para establecer distancia coa normalidade e arrastrala cara ás marxes, e dende aí formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Deste xeito, cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos.