- Tematica
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde organiza, un ano máis, as clases de taichi tradicional e de chi king, que se enmarcan dentro do novo curso da Escola de Saúde. As persoas interesadas en participar nestas actividades, que se desenvolverán tanto no Milladoiro como en Bertamiráns dende o 2 de outubro ata o 26 de xuño, poden facelo premendo nesta ligazón e cubrindo o formulario. O prazo para anotarse remata o mércores 27 de setembro, ás 14:00 horas. Terán prioridade as persoas empadroadas no concello de Ames.
O vindeiro luns, 2 de outubro, dá comezo un novo curso da Escola de Saúde, que, por segundo ano consecutivo, ofrece clases de taichi tradicional e de chi kung. As actividades impartiranse en espazos exteriores: na contorna do pavillón deportivo do Milladoiro os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas, e nos xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, os mércores e venres de 10:00 a 11:00 horas.
O taichi é apto para todas as idades e de intensidade regulable. Serve para corrixir, nutrir e fortalecer a estrutura de quen o practica. Mellora a forza-resistencia, a flexibilidade, o equilibrio, a coordinación e a memoria. Tamén serve para mellorar a circulación e a función orgánica, calmar a mente e equilibrar o estado emocional a través do desenvolvemento da atención plena.
Por outra banda, o chi kung é un sistema de desenvolvemento persoal para mellorar a saúde. Combina movementos suaves do corpo con relaxación e respiración lenta. Mellora a flexibilidade, a conciencia corporal e a concentración. Con nesta actividade física, o organismo énchese de enerxía e esta flúe polo corpo aumentando a nosa vitalidade. Consegue unha relaxación na que a persoa se volve consciente dos nosos movementos, do noso interior e do contacto coa contorna. En China é moi practicado e apreciado polos seus beneficios no campo da saúde.
Chi kung significa control, dominio ou arte da enerxía. As súas metas xerais son saúde, boa forma física, lonxevidade e cultivo das facultades persoais. O chi kung é unha ximnasia enerxética que fortalece o corpo e a mente, distribuíndo de forma equilibrada a enerxía. O ideal é practicalo nun espazo aberto, na natureza.
As persoas interesadas en anotarse poden facelo cubrindo este formulario antes do 27 de setembro, ás 14:00 horas. Terán prioridade os/as empadroados en Ames. Para calquera dúbida pódese consultar co departamento de Promoción da Saúde escribindo ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal. As clases darán comezo o 2 de outubro e rematarán o 26 de xuño de 2024.
Escola Municipal de Saúde
A Escola Municipal de Saúde naceu coa intención de establecer e impulsar estratexias dirixidas a fomentar o desenvolvemento de ferramentas e habilidades encamiñadas a coidar de xeito efectivo a saúde, entendida dende un punto de vista holístico. Tamén ten o obxectivo de promover a adopción de hábitos e estilos de vida saudables e fomentar a corresponsabilidade das persoas no coidado da súa saúde, acadando unha maior calidade de vida.
A través das actividades da Escola Municipal de Saúde as persoas participantes compartirán un espazo de encontro onde se abordará e se traballará, coa guía de expertos/as, diferentes temas relacionados co autocoidados, a prevención, o benestar emocional, a parentalidade positiva... Tamén se afondará na promoción de hábitos de vida saudables como son a actividade física, a alimentación saudable e a prevención de condutas aditivas… e en aspectos claves do benestar (resolvendo dúbidas, compartindo diálogo, etc).