Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Cantando con raíz”, do programa Apego

Xoves, 19 de xaneiro de 2023

Dende hoxe, xoves, 19 de xaneiro, están abertas as inscricións para “Cantando con raíz”, a nova actividade que organiza o departamento de Normalización Lingüística de Ames dentro do programa Apego, e na que a cativada poderá aprender cancións, ditos e recitados para achegarse á lingua dun xeito natural e divertido. O taller, dirixido a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres, 27 de xaneiro, ás 18:00 horas. Para participar cómpre inscribirse, ata o xoves 26, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

O obradoiro “Cantando con raíz” correrá a cargo de Eduvía. A empresa educativa, que conta con máis de vinte anos de traxectoria, caracterízase polas súas orixinais actividades, que teñen unha clara compoñente formativa e están enfocadas no desenvolvemento persoal. Todos os seus talleres teñen como fundamento de traballo o contacto directo cos participantes, sempre dentro dunha contorna de xogo e diversión.

Nesta ocasión, preténdese que a rapazada se achegue ao cancioneiro tradicional e que goce das súas propostas, de xeito que se recuperen os ditos e recitados para que non caian no esquecemento e se transformen nun xeito de lecer e de expresión para as novas xeracións.

A actividade é de balde, e as persoas interesadas só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o vindeiro xoves, 26 de xaneiro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Apego propón achegarse á lingua con cancións, ditos e recitados este día 27"

Cartel do programa Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Cantando con raíz”, do programa Apego