Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Foliada con Apego”, que se celebrará o venres, 10 de marzo

Xoves, 02 de marzo de 2023

Dende hoxe, 2 de marzo, está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Foliada con Apego”, organizada polo departamento de Normalización Lingüística e incluída dentro da programación do programa Apego. Será un encontro repleto de música de noso para compartir, cantar, bailar, aprender cancións e gozar. O taller, dirixido a familias con crianzas de todas as idades, desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres, 10 de marzo, ás 18:00 horas. Para asistir é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos dos participantes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos. 

O obradoiro “Foliada con Apego” estará dinamizado polo grupo Os Sacapuntos, conformado por Montse Rivera, Roberto Comesaña e Xabier Iglesias. Trátase dunha proposta de temas musicais de sempre, dinámicos e divertidos para que os participantes canten, bailen e o pasen ben, á vez que se achegan á lingua galega de xeito natural e lúdico. Ademais, anímase a que os asistentes que teñan ou toquen algún instrumento tradicional o leven para participar conxuntamente no acompañamento musical.

A actividade é de balde, e as persoas interesadas só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o vindeiro xoves, 9 de marzo. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Cartaz da actividade "Foliada con Apego"

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Foliada con Apego”, que se celebrará o venres, 10 de marzo
  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Foliada con Apego”, que se celebrará o venres, 10 de marzo