Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Música na pel”, incluído no programa Apego

Xoves, 12 de setembro de 2024

O proxecto Apego continúa a súa programación de outono co obradoiro de masaxes “Música na pel”, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 20 de setembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 19 de setembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o segundo semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Hoxe, 12 de setembro, abre o prazo de inscrición para o obradoiro de masaxes “Música na pel”, impartido por Arkhé Espazo Educativo. Nel, as familias participantes aprenderán unha rutina de masaxes equilibrada entre movementos estimulantes e relaxantes, acompañados dunha mestura de arrolos, cancións tradicionais e xogos de tacto.

Esta actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 20 de setembro, ás 18:00 horas. Está dirixido a familias con bebés que aínda non se despracen. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.

As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 19 de setembro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Música na pel”, incluído no programa Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Música na pel”, incluído no programa Apego