- Tematica
O proxecto Apego continúa a súa programación de outono coa proposta “Historias con susto para durmir a gusto”, con Vero Rilo e Sonsoles Penadique, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o mércores 30 de outubro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 29 de outubro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o segundo semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.
Hoxe, 23 de outubro, abre o prazo de inscrición para a actividade “Historias con susto para durmir a gusto”, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Trátase dun espectáculo no que as familias asistentes desfrutarán de contos e música, historias con amor a desgusto, con sustos e só algo de medo, para achegarse ao conto tradicional e deixar de ver fantasmas onde non as hai. As familias que o desexen poderán asistir disfrazadas e levar a súa propia candea.
Esta actividade terá lugar no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, o mércores 30 de outubro, ás 18:00 horas. Está dirixido a familias con crianzas a partir de 3 anos. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.
As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 29 de outubro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.